O Open Internacional de Spinning de Corrubedo aspira a reunir 160 afeccionados á pesca deportiva na súa sexta edición

Redacción

 O Concello de Ribeira colabora neste torneo que terá lugar no 28 de novembro

O litoral da parroquia ribeirense de Corrubedo volverá ser escenario do Open Internacional de Spinning que aspira a reunir na súa sexta edición a 160 afeccionados á pesca deportiva nunha técnica que emprega un cebo artificial para atraer a peixes depredadores, na que se lanza e se recolle a isca continuamente, imitando o movemento dunha presa.

Este torneo desenvolverase no sábado, 28 de novembro, en horario de mañá, no tramo de costa comprendido entre a praia de Río Sieira e Couso. En caso de mal tempo, buscarase o resgardo da ría entre Couso e a praia da Corna, segundo apunta o directivo de Spinning Galicia, Ramón Crujeiras, coñecido como Portas.

A xuízo do concelleiro de Mar e Promoción do Litoral, Fernando Abraldes, con esta proba “seguimos explorando o noso carácter mariñeiro a través dunha disciplina que cada vez vai gañando máis adeptos e que nos permite desfrutar da nosa costa en condicións de seguridade, polo que contaremos coa colaboración do GAEM e da Policía local.” Ademais, “poderemos identificar distintas especies que proliferan neste anaco de océano Atlántico, onde as augas aínda non atopan o acougo da ría de Arousa como robalizas, sargos ou pintos”, remarca Abraldes.

Pola súa parte, o edil de Deportes, Álex Vidal, considera que “con este Open desfrutaremos do noso litoral durante o outono nun ambiente onde converxen a práctica deportiva vinculada ao eido marítimo e a paisaxe, ao tempo que se dá a coñecer o spinning.”
Repartiranse premios entre as distintas categorías e as capturas entregaranse a Cáritas Ribeira para destinar ás persoas en situación de vulnerabilidade.

Comparte este artigo