A medida será posible coa cesión do local da Confraría de Pescadores se se confirma a previsión de renuncia ao espazo que actualmente ocupa na primeira planta da Casa do Mar
O centro de saúde de Mera ofrece servizos sanitarios a preto de 3.000 oleirenses, dos que unha terceira parte son maiores de 64 anos e hai máis de 200 pacientes pediátricos. Os investimentos realizados recentemente pola Consellería de Sanidade supuxeron unha mellora notable en equipamentos entre as que destacan un novo desfibrilador, padiolas ou un sistema de monitorización automatizada de constantes vitais, pero a presión asistencial poderíase ver atenuada en parte cunhas instalacións dimensionadas ao crecemento poboacional que vén rexistrando nos últimos anos no municipio.
O Partido Popular de Oleiros tivo coñecemento da intención da Confraría de Pescadores de abandonar o local que ocupan na Casa do Mar, cuxa titularidade -do mesmo xeito que a do resto do inmoble- pertence á Tesourería Xeral da Seguridade Social.
Os Populares consideran que sería moi beneficioso para o municipio que o consultorio de Mera poida dispoñer de máis espazo para atender á poboación nun futuro -cando as necesidades de asistencia sanitaria así o aconsellen- e son conscientes da oportunidade que supón para o centro de saúde crecer en preto de 200 m2 e duplicar na práctica a súa superficie, de confirmarse a marcha da confraría das dependencias.
É por iso que o grupo municipal do Partido Popular presentará proximamente unha iniciativa para que a Consellería obteña a cesión do local da Confraría de Pescadores de Mera por parte da Tesourería Xeral da Seguridade Social.