O programa MercaEscola encara a recta final cunha programación centrada na saúde, o consumo e o medio ambiente

Redacción
Lectura mínima de 2

O Concello de Carballo, a través da Concellaría de Feiras e Mercados, continúa a desenvolver con éxito a terceira edición de MercaEscola, a aula formativa para persoas adultas que transformou o mercado municipal nun punto de encontro para a aprendizaxe e a convivencia. Tras un inicio de primavera con gran afluencia, o programa presenta agora as súas actividades para o mes de maio.
• Día 4. Servizos financeiros e bancarios, dentro do programa Consumo en ruta, do Instituto Galego de Consumo e da Competencia.
• Día 11. Charla teórico-práctica sobre compostaxe doméstica e xestión dos residuos.
• Día 18. Sesión de mindfulness con Teresa Vilanova, do centro Aqí&Agora.
• Día 25. A última actividade do curso será unha visita guiada pola parroquia de Aldemunde.

Desde o seu arranque en marzo, MercaEscola esgotou as 30 prazas dispoñibles en case todas as súas sesións. Ata o de agora, os asistentes puideron participar en actividades moi variadas: unha proxección de cine, visitas guiadas ás oficinas de Gestagua e á exposición sobre as nosas feiras que pode verse no arquivo municipal, información sobre consumo co IGCC, xornadas sobre saúde co reumatólogo Francisco Blanco e a fisioterapeuta Rocío Díaz, obradoiro sobre a saúde e a calidade da auga do Anllóns co Grupo de Investigación en Cambio Ambiental e Paleobioloxía (GRICA-Biopast) da Universidade da Coruña, e, a semana pasada, charla moi participativa sobre seguridade viaria co policía local Víctor Nieto Martínez (na imaxe).

O concelleiro de Feiras e Mercados, Ramón Varela, destaca que o obxectivo de MercaEscola é dobre: “Por unha banda, ofrecemos unha formación útil e práctica para o día a día dos nosos veciños e veciñas; por outra, dinamizamos o mercado municipal, fomentando que a xente se achegue á praza de abastos non só a mercar, senón a compartir experiencias”.

O programa concluirá a finais de mes, xa consolidado como unha das iniciativas de participación cidadá máis valoradas do concello.

Comparte este artigo