O PSdeG denuncia que o Goberno de Sanmartín leva case un ano sen atender as demandas de accesibilidade da veciñanza de Conxo

Redacción

Marta Abal reclama a eliminación das barreiras arquitectónicas no acceso ás vivendas públicas da rúa das Letras Galegas, que dificultan especialmente a mobilidade das persoas maiores e das usuarias de cadeiras de rodas.

As e os socialistas levarán ao Pleno de outubro esta reivindicación veciñal e esixirán actuacións para garantir itinerarios peonís accesibles, seguros e en condicións adecuadas de mantemento.

A concelleira do Grupo Municipal Socialista Marta Abal denunciou a falta de resposta do Goberno de Sanmartín ás demandas de accesibilidade da veciñanza de Conxo, que leva preto dun ano reclamando a eliminación das barreiras arquitectónicas no acceso ás vivendas públicas da rúa das Letras Galegas. Os socialistas levarán esta reivindicación ao Pleno de outubro para esixir unha solución ás dificultades de mobilidade que afectan especialmente ás persoas maiores e ás usuarias de cadeiras de rodas.

Abal defendeu que “garantir a accesibilidade dos espazos públicos debe ser unha prioridade para construír unha cidade máis inclusiva e igualitaria”, e insistiu en que eliminar as barreiras arquitectónicas “é fundamental para que as persoas con discapacidade poidan desenvolver unha vida independente e exercer plenamente a súa autonomía persoal”.
Entre as principais deficiencias detectadas, a concelleira sinalou as beirarrúas estreitas da rúa Penedo e a existencia de bordos sen rebaixar, “que obrigan as persoas en cadeira de rodas a circular pola calzada”, unha situación que compromete a súa seguridade e evidencia a necesidade dunha intervención na contorna.

A estas dificultades súmanse os pavimentos levantados e a acumulación de follas e pólas sen retirar, que, segundo advertiu Abal, “poden provocar esvaróns e incrementar o risco de caídas, especialmente nas zonas con ramplas”. Para a concelleira, estas deficiencias fan necesaria unha actuación que mellore tanto a accesibilidade como o mantemento dos espazos públicos.

Neste sentido, Abal reclamou ao Goberno municipal que actúe para “garantir un itinerario peonil accesible, seguro e en condicións adecuadas de mantemento”, lembrando que se trata dunha mellora que beneficiaría “non só ás persoas con discapacidade, senón tamén ás persoas maiores, ás familias con nenos e, en definitiva, ao conxunto da veciñanza”.

Os socialistas trasladarán esta reivindicación ao Pleno de outubro, despois de que a veciñanza levase preto dun ano agardando unha solución, e insistirán na necesidade de actuar para eliminar unhas barreiras que dificultan a mobilidade diaria. Abal lembrou que “eliminar as barreiras arquitectónicas é fundamental para que as persoas con discapacidade poidan desenvolver unha vida independente e exercer plenamente a súa autonomía persoal”, situando a accesibilidade como unha cuestión esencial para garantir a igualdade nos espazos públicos.

Comparte este artigo