Salvaterra de Miño mantén a eficiencia na reciclaxe maila o crecemento demográfico e fai un chamamento a consolidar os bos hábitos na rúa

Redacción

O municipio logra conter a xeración de residuos por habitante e mantén controlada a porcentaxe de “impropios” no contedor amarelo (29,3% ata xullo deste ano), un dato substancialmente mellor que a media de Galicia.

O Concello de Salvaterra de Miño presentou o balance da recollida selectiva de residuos correspondente aos primeiros sete meses de 2026. Os datos reflicten unha evolución positiva e unha notable estabilidade na concienciación ambiental dos veciños: malia o constante incremento da poboación —que xa supera os 11.000 habitantes—, os ratios de xeración de residuos mantéñense estables e a calidade da reciclaxe segue a estar moi por riba do comportamento medio a nivel autonómico.

No que vai de ano (ata o mes de xullo), o porcentaxe de “impropios” no contedor amarelo —residuos que se depositan por erro— sitúase nun 29,3%. Aínda que supón unha lixeira flutuación respecto ao excelente peche do ano anterior, a cifra confirma que os veciños de Salvaterra reciclan de xeito moito máis limpo e eficiente que a media de Galicia, onde as previsións estiman que os erros rozan o 35%. Ata xullo, o municipio xestionou un total de 80.530 quilos no contedor amarelo y 94.354 quilos de papel e cartón.

Desde o Concello destácase que os datos demostran o compromiso da gran maioría da poboación, pero lémbrase que para seguir avanzando é imprescindible a colaboración absoluta de todos os cidadáns. O crecemento do municipio esixe extremar as pautas de civismo no día a día para evitar que condutas individuais illadas empañen os bos resultados colectivos.

Por iso, as autoridades locais fan un chamamento á responsabilidade e lembran tres normas básicas de obrigado cumprimento:

  • Residuos sempre embolsados e dentro: As bolsas de lixo deben estar correctamente pechadas e depositarse obrigatoriamente no interior dos contedores correspondentes. Nunca se deben tirar de calquera xeito ou deixar os residuos soltos.
  • Beirarrúas despexadas: Está totalmente prohibido deixar bolsas de lixo, caixas de cartón o enseres apoiados nas beirarrúas ou nos exteriores dos contedores. Esta práctica deteriora a imaxe do municipio e xera problemas de salubridade.
  • Respecto aos espazos públicos: Non se pode tirar ningún tipo de desperdicio fóra dos contedores nin depositar lixo en zonas non habilitadas ou contornas naturais.
    O Concello agradece o esforzo diario dos veciños e veciñas e anima a manter este espírito de mellora continua para consolidar a Salvaterra de Miño como un referente de sostibilidade e convivencia.
Comparte este artigo