O PSdeG esixe ao Goberno de Sanmartín que negocie o destino de máis de 5 millóns de euros da venda de patrimonio municipal

Redacción
Lectura mínima de 5

Marta Abal reclama diálogo cos grupos municipais para decidir o destino destes fondos e advirte de que o executivo “non pode decidir unilateralmente” sobre recursos públicos e urxen a destinalos a necesidades inmediatas da cidade.

A concelleira critica que o Goberno municipal “gardase silencio” ante as preguntas formuladas polos socialistas sobre o destino destes fondos, denunciando que “a falta de respostas confirma a falta de transparencia” na súa xestión.

O Grupo Municipal Socialista levará unha proposición ao pleno para forzar un acordo político sobre o destino destes ingresos.

A concelleira do Grupo Municipal Socialista, Marta Abal, reclamou ao Goberno da señora Sanmartín que abra un proceso de negociación cos grupos políticos da Corporación para decidir o destino dos máis de 5 millóns de euros procedentes da venda de parcelas de titularidade municipal, e denunciou a “falta de transparencia” do executivo local neste asunto.

Abal explicou que a Xunta de Goberno Local acordou o pasado 1 de abril a venda dunha parcela na rúa Sociedade Deportiva Compostela por case 3 millóns de euros, operación que se suma á venda doutras dúas parcelas aprobadas a finais de 2025 na rúa Agustín Seco. En total, sinalou, “estamos a falar de máis de 5 millóns de euros procedentes da venda de patrimonio público municipal, que é propiedade de todas as santiaguesas e santiagueses”.

A concelleira advertiu de que estes ingresos estaban inicialmente vinculados a gastos concretos no orzamento de 2025, pero ao non terse materializado nese exercicio, “esa afectación decae” e o Goberno municipal “non queda vinculado ao destino previsto inicialmente”. Neste sentido, subliñou que o executivo dispón agora de “marxe discrecional” para decidir o destino destes fondos mediante modificacións orzamentarias, o que, ao seu xuízo, “obriga a actuar con responsabilidade política, transparencia institucional e diálogo”.

Desde o Grupo Socialista consideran que unha decisión deste calado non pode adoptarse de maneira unilateral xa que, segundo indican, “non estamos a falar de 100.000 euros, estamos a falar de máis de 5 millóns de euros de patrimonio público”, destacou Abal, quen lembrou ademais que o destino inicial destes ingresos formaba parte do acordo político que permitiu a aprobación dos orzamentos de 2025. “O que pedimos é que se abra un proceso de diálogo para acadar un acordo maioritario sobre as prioridades de investimento da cidade”, indicou.

Abal criticou tamén que o Goberno municipal “gardase silencio” ante as preguntas formuladas polo Grupo Socialista sobre o destino destes fondos, denunciando que “a falta de respostas confirma a falta de transparencia” na súa xestión.

A edil puxo tamén o foco na xestión do Goberno de Goretti Sanmartín, advertindo de que existen antecedentes recentes que evidencian problemas na execución de investimentos. Como exemplo, citou a fallida adquisición da Casa de Mazarelos, lembrando que “os cartos quedaron inutilizados no banco sen poder destinarse a necesidades reais da cidade”. Así mesmo, cuestionou outras actuacións previstas no orzamento de 2025, como a construción dunha cociña central, sinalando que o propio Goberno municipal está a atrasar este proxecto. “Se o propio Goberno está atrasando proxectos como a cociña central, é evidente que hai que revisar o destino destes recursos e adaptalos ás necesidades reais da cidade”, apuntou.

Abal insistiu “non podemos ter recursos ociosos no banco mentres existen múltiples necesidades de investimento en Santiago”, lembrando tamén a “caída importante” na previsión de investimentos do orzamento de 2026.

Por todo isto, o Grupo Municipal Socialista presentará unha proposición no pleno ordinario deste mes para instar ao Goberno local a iniciar un proceso de negociación co conxunto dos grupos políticos. “O Goberno debe actuar con responsabilidade, transparencia e vontade de acordo”, concluíu Abal, quen advertiu de que a xestión destes recursos “é unha cuestión clave para o presente e o futuro de Santiago”.

Comparte este artigo