O XXV Rebumbio Matemático reunirá o venres ao alumnado de 15 centros educativos

Redacción
Lectura mínima de 4

Máis de 90 nenos e nenas participarán neste concurso educativo que está a celebrarse no Fórum Metropolitano

Noventa alumnos e alumnas de 15 centros de ensino da Coruña e Ferrol participarán o venres 24 de abril no XXV Rebumbio Matemático, promovido pola Asociación Galega do Profesorado de Educación Matemática (AGAPEMA), en colaboración co Concello. Esta actividade ten como obxectivo contribuír á mellora da educación en xeral e do proceso de aprendizaxe das matemáticas en particular.
“No Goberno de Inés Rey sempre imos estar aí para axudarmos a que este tipo de actividades educativas, divulgativas e, por que non dicilo, tamén divertidas, continúen realizándose. Os profesores e profesoras fan un traballo extraordinario para lle achegaren as matemáticas ao alumnado e que lle perda o medo á materia”, valorou o concelleiro de Educación, Formación e Innovación Tecnolóxica, Juan Ignacio Borrego.

A fase de zona do Rebumbio Matemático desenvolverase entre as 10.30 e as 13.00 horas, no Fórum Metropolitano, cos 90 alumnos e alumnas distribuídos en 30 grupos formados por tres estudantes cada un, dun total de 15 centros docentes: CEIP de Sada e da súa contorna; CEIP San Marcos de Abegondo, Fillas de Cristo Rey, de Oleiros; Fillas de Xesús, da Coruña; Colexio de Eirís, da Coruña; Peñarredonda, da Coruña; CEIP de Zalaeta, da Coruña; Calasancias, da Coruña; Montespiño, de Culleredo; Santo Domingo, da Coruña; Grande Obra de Atocha, da Coruña; Coruña British School, da Coruña; Escravas, da Coruña; Cristo Rey, de Ferrol e CPR San José, de Pontedeume.

O venres 24 tamén se realizarán as fases de zona de Lugo, con 15 participantes de tres centros: Pontevedra, con 24 participantes de cinco colexios; Santiago de Compostela, con 60 alumnos e alumnas de seis centros; Vigo, con 24 participantes de cinco centros; e de Ourense, con 24 estudantes de cinco centros docentes. En total, serán por tanto 237 estudantes de primaria de 39 centros escolares de toda Galicia os que participen nas diferentes fases zonais do Rebumbio Matemático. Os/as gañadores/as competirán o 22 de maio na Facultade de Ciencias de Educación da Coruña na fase final galega.

O Rebumbio Matemático trátase dunha proposta centrada na resolución de problemas, que intenta fomentar o espírito cooperativo traballando en grupo, de aí a súa estrutura. Os retos matemáticos que se desenvolverán serán variados, de xeito que motiven o alumnado participante. Trátase de nenos e nenas de 6.º de primaria dos centros educativos rexistrados.

A proba deste venres, que será a mesma e simultánea para todas as zonas, consistirá na resolución de seis problemas por parte dos tres membros de cada equipo que traballarán conxuntamente, de xeito cooperativo. Na valoración das respostas, primará o método de resolución empregado, a súa orixinalidade, as estratexias utilizadas, os procedementos de representación, a expresión escrita do proceso sucesivo, o emprego correcto de unidades etc., por riba da mera solución. Os resultados serán publicados nas webs do Concello e de Agapema o día 4 de maio. Os tres primeiros grupos clasificaranse para a final galega, onde competirán cos gañadores do resto das fases zonais.

O Xurado da Fase Final encargarase de valorar as probas e decidirá os equipos gañadores.

Os tres integrantes do grupo que queden mellor clasificados no Rebumbio Matemático representarán a Galicia na Fase Final Española, que terá lugar en Barcelona no mes de xuño.

Comparte este artigo