Oleiros novamente referencia internacional polo seu modelo de zonas verdes e xardinería

Redacción

Representantes institucionais, profesionais e responsables de organizacións do sector procedentes de distintos países europeos que participaron no I Congreso Internacional de Xardinería visitaron Oleiros para coñecer in situ o singular modelo de xestión das zonas verdes públicas do municipio. Un dos puntos centrais do percorrido foi o Parque Rosalía Mera, un espazo singular e único en Europa, que constitúe un exemplo da importancia que Oleiros concede á creación de lugares públicos de encontro, lecer e contacto coa natureza.

A visita permitiu aos asistentes coñecer de primeira man o modelo de municipio desenvolvido en Oleiros, no que a protección dos espazos verdes, a integración da natureza na contorna urbana e a creación e conservación de parques e zonas públicas forman parte fundamental da planificación municipal. As persoas participantes puideron comprobar a importancia que teñen os espazos naturais e axardinados na configuración do territorio, así como o traballo que realiza o Concello para manter e ampliar un patrimonio verde que está ao servizo de toda a cidadanía.

Oleiros conta con máis de 1.200.000 metros cadrados de parques, bosques e zonas verdes públicas, unha extensa rede de espazos naturais e 26 quilómetros de paseos polo litoral. Unha aposta sostida no tempo que converteu a presenza da natureza e a calidade dos espazos públicos nunha das principais características do municipio.

Esta visita internacional súmase ás numerosas delegacións procedentes de distintos lugares do mundo que nos últimos anos se achegaron a Oleiros para coñecer a súa planificación urbanística, o seu modelo de desenvolvemento e a súa forma de entender os servizos e os espazos públicos. A visita de destacados profesionais e responsables institucionais de distintos países europeos confirma o interese que esperta un modelo de municipio que entende a xardinería, as zonas verdes e a protección da paisaxe non como elementos decorativos, senón como parte esencial da calidade de vida da poboación.

Comparte este artigo