Pedro Blanco sitúa a mobilidade e os equipamentos públicos entre as prioridades para Santa Marta

Redacción

Abordou coa veciñanza a situación da mobilidade na contorna do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago (CHUS), especialmente ante a súa ampliación, e reclama a Xunta e Concello coordinación e transparencia sobre o proxecto para prever solucións nos accesos e o estacionamento.

O candidato socialista á Alcaldía agradeceu á asociación veciñal o traballo que desenvolve e a súa implicación na mellora do barrio, e recolleu as súas principais demandas: equipamentos deportivos para a zona sur, unha escola infantil pública e máis parques e espazos de xogo para Santa Marta.

O candidato socialista á Alcaldía de Santiago, Pedro Blanco, mantivo unha reunión coa Asociación Veciñal de Santa Marta para escoitar as principais demandas e propostas da veciñanza do barrio, nun encontro no que a mobilidade e a dotación de equipamentos públicos centraron boa parte desta #ConversasDeBarrio. Estivo acompañado polo voceiro municipal socialista, Gumersindo Guinarte, e a deputada autonómica, Patricia Iglesias.

Un dos asuntos prioritarios foi a situación da mobilidade na contorna do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago (CHUS), especialmente ante a súa ampliación. A asociación trasladou a súa preocupación pola falta de solucións para o estacionamento, os problemas de tráfico e as dificultades de circulación dos autobuses urbanos e das ambulancias. Neste sentido, Pedro Blanco comparte cos veciños a necesidade dunha mellor ordenación dos accesos ao hospital e á súa contorna, así como actuacións que melloren a mobilidade do barrio.
“A veciñanza ten dereito a coñecer de primeira man un proxecto que vai afectar directamente ao seu día a día. Tanto a Xunta como o Concello deben manter unha comunicación fluída coa asociación veciñal, informar dos avances e escoitar as súas inquedanzas”, incidiu o socialista.

No ámbito dos equipamentos públicos, a veciñanza puxo sobre a mesa a necesidade de equipamentos deportivos para a zona sur de Santiago. Unha demanda que, segundo trasladaron, vai máis alá de Santa Marta e que debería abordarse cunha planificación que contemple diferentes modalidades deportivas, con espazos cubertos para a práctica dos deportistas. Así mesmo, a creación dunha escola infantil pública é outra das peticións destacadas, xa que a oferta actual “resulta insuficiente para atender as necesidades das familias de Santa Marta”. Tamén analizaron a carencia de parques infantís, adaptados ás distintas idades, melloras no seu mantemento e algún espazo de xogo cuberto.

Por outra banda, a reunión permitiu abordar outras cuestións relacionadas coa calidade de vida no barrio, como a iluminación das rúas, a mellora das marquesiñas e da información do transporte urbano, a sinalización do Camiño de Santiago ao seu paso por Santa Marta e o mantemento das beirarrúas e zonas verdes.

Pedro Blanco agradeceu á asociación o traballo que desenvolve e a súa implicación na mellora de Santa Marta. O encontro enmárcase na rolda de conversas coas asociacións e colectivos de Santiago para coñecer sobre o terreo as necesidades de cada barrio e incorporar a voz da veciñanza á definición das propostas de futuro para a cidade.

Comparte este artigo