A Casa da Cultura de Neda loce xa nova imaxe. Veñen de finalizar as obras de substitución da totalidade das fiestras e portas exteriores do inmoble. Unha intervención impulsada polo Concello co fin de mellorar a eficiencia enerxética deste edificio, que concentra boa parte da oferta cultural e de lecer municipal.
A administración local investiu algo máis de 70.000 euros no cambio dun total de 25 ventás de distintos tamaños, ademais das distintas portas do edificio. As novas ventás, realizadas en PVC, contan con acristalamento con vidros laminares e baixo emisivos.
A intervención supuxo unha actualización da imaxe do inmoble, dotado de soto e tres andares, que aínda conservaba moitas das fiestras orixinais. E facilitará o aforro no consumo eléctrico derivado de quecer no inverno e arrefriar no tempo de verán as instalacións.
As novas ventás contribuirán ademais a mellorar a acústica e a reforzar a seguridade en caso de incendio. Así, pasaron á historia as reixas da biblioteca, na que se instalaron vidros laminares anti-intrusión.
O Concello sufragou estas obras con cargo aos fondos provincias do POS 2025 da Deputación da Coruña. A intervención constitúe unha nova fase do proceso de posta a punto do edificio cultural, tras o cambio da cuberta, a mellora do salón de actos e a renovación do mobiliario da biblioteca completadas o pasado ano. Queda pendente agora o rehabilitación do arquivo, e o pintado das fachadas, dúas obras que está previsto acometer neste 2026.

