Os traballos realizados por Veolia para aumentar a entrada de auga procedente do encoro das Forcadas, a través de conexións coas redes de Narón e de Fene, deron por fin os seus froitos. A empresa concesionaria do servizo de abastecemento informa de que, a partir do mediodía, foise restablecendo o subministro ao conxunto do municipio.
Dada a situación de seca (o Belelle non aporta nin unha gota á rede municipal), calquera incidencia no consumo que se produza nos municipios veciños repercutirá no abastecemento da vila. Por tanto, aínda que non se esperan, tampouco poden descartarse novas interrupcións no subministro.
No caso de que as persoas abonadas constaten unha elevada turbidez na auga, deberán comunicalo a Veolia, que atenderá caso a caso a incidencia.
Unha vez recuperado o servizo, a empresa procedeu á retirada do camión cisterna situado en Albarón.

