Ribeira mobilízase para reclamar mellores salarios, pensións e condicións de vida

Redacción

O BNG acompaña a clase traballadora nunha xornada de mobilización masiva en Galiza

Rosana Pérez destaca que a mobilización evidencia o malestar da clase traballadora e a necesidade de avanzar en salarios dignos, vivenda e servizos públicos de calidade.

O Bloque Nacionalista Galego participou este mércores en Ribeira na mobilización convocada pola CIG con motivo da xornada de folga xeral, unha convocatoria que reuniu centos de persoas e que está sendo un éxito. O BNG quixo mostrar así o seu apoio ás reivindicacións da clase traballadora galega e á necesidade de avanzar en dereitos laborais e sociais que permitan garantir unhas condicións de vida dignas.

A deputada do BNG no Parlamento galego, Rosana Pérez, acompañada de portavoces, edís e militantes nacionalistas participou na mobilización e puxo en valor a resposta da cidadanía, sinalando que “a participación de centos de persoas en Ribeira e as mobilizacións que se están desenvolvendo por todo o País demostran que existe un amplo malestar social e que a xente non está disposta a resignarse ante a precariedade, os baixos salarios e as dificultades cada vez maiores para chegar a fin de mes”.

Unha vida digna como obxectivo

Rosana Pérez subliñou que as reivindicacións desta folga van moito máis alá do ámbito estritamente laboral e afectan directamente á vida cotiá da maioría da sociedade. “Falamos de ter salarios e pensións dignas, de poder acceder a unha vivenda sen destinar a ela a maior parte dos ingresos, de frear a escalada dos prezos cando vas á compra ou encher gasolina no coche e de contar con servizos públicos fortes especialmente sanidade, ensino e dependencia. En definitiva, falamos de poder vivir dignamente”, afirmou.

A deputada nacionalista incidiu tamén na necesidade de que Galiza conte con máis capacidade política para defender os intereses da súa clase traballadora. “Non podemos aceptar que traballar non sexa garantía de poder vivir con dignidade. Precisamos políticas que poñan as persoas no centro, que melloren as condicións laborais e que garantan que a riqueza que se xera no noso País repercuta tamén na maioría social”.

Desde o BNG destacan que a mobilización deste 11N é unha mostra de que existe vontade de defender e conquistar novos dereitos e consideran fundamental que esa forza social teña tamén expresión política. A formación nacionalista reafirma o seu compromiso coa defensa dos intereses das maiorías sociais e coa construción dunha Galiza con máis dereitos, máis xustiza social e máis capacidade para decidir o seu futuro.

Comparte este artigo