O concerto de Baiuca puxo o ritmo ao primeiro día das Noites de María Pita, que continuarán con Bonnie Tyler, Marina Reche, Los Sirex e Los Rebeldes
Rosa Cedrón foi a encargada de dar o pregón das Festas de María Pita 2025, que supón o inicio das celebración na cidade, que se prolongarán ata o 31 de agosto. A alcaldesa, Inés Rey, presidiu a representación institucional no acto celebrado en Alcaldía Oficial, no que tamén estiveron presentes os membros do Goberno e da Corporación municipal.
“É para min unha honra difícil de describir con palabras o feito de estar hoxe aquí diante de vós, nesta praza que leva o nome dunha muller valente, símbolo de resistencia e orgullo, María Pita, neste lugar que me viu crecer como persoa e como artista, onde a música se converte en vida e onde cada pedra agocha unha historia que espera ser contada”, comezou dicindo Rosa Cedrón desde o balcón municipal. “Para min, A Coruña non é só un lugar no mapa. É unha patria íntima, un símbolo, un faro que endexamais se apaga”, proseguiu. Rosa Cedrón falou dos seus fortes vínculos vitais e artísticos coa cidade, comezando a súa carreira musical na Orquestra de Cámara e na Banda Municipal de Música. A pregoeira tamén quixo mencionar no seu discurso a grandes figuras coruñesas da música, como Marcial del Adalid, Pascual Veiga, CAnuto Berea, Xosé Baldomir, Castro Chané, Pablo Serasate, Andrés Gaos, María Luisa Nache ou Luar na Lubre, agrupación da que formou parte e da que dixo: “Que incrible foi vivir con vós aquel momento tan poderoso do folk galego no que as portas do mundo enteiro abríronse ás nosas músicas”.
Rosa Cedrón tamén quixo agradecer o traballo da Orquestra Sinfónica de Galicia, “un dos proxectos sinfónicos máis admirados de Europa que converteu A Coruña nun centro de referencia internacional” e da Orquestra de Cámara Galega, “un proxecto de gran calidade consolidada ao longo dos últimos 30 anos”. Tamén quixo recordar a figura de Sito Sedes e de Xoán Eiriz.
Por último, tamén agradeceu á cidade da Coruña por todas as experiencias vitais que viviu nela: “Quero darlle as grazas á Coruña, esta cidade que me acolleu sendo unha nena e que me acompañou en cada paso da miña vida. Aquí medrei, aquí estudei, aquí fixen música, aquí chorei e rin, e aquí comecei a soñar e forxar o que acabaría sendo o meu camiño na vida grazas a quen me abriu portas que nunca imaxinei que se abrirían”. Baiuca dá paso a Bonnie Tyler, Marina Reche, Los Sirex e Los Rebeldes nas Noites de María Pita
Tras o pregón chegou a primeira actuación musical das Noites de María Pita, a de Baiuca. O proxecto musical liderado por Alejandro Guillán, continúa a revolucionar a escena sonora galega e internacional coa súa fusión única de tradición e vangarda. Combinando ritmos electrónicos con cantos e instrumentos tradicionais como as pandeiretas, as gaitas ou as cunchas, Baiuca consegue reinterpretar a música de raíz dende unha óptica contemporánea e global. O seu traballo representa unha nova forma de entender a cultura galega, apostando pola innovación sen perder a conexión co patrimonio inmaterial da nosa terra.
Este sábado, ás 22.00 horas, será a quenda de Bonnie Tyler. Nacida como Gaynor Hopkins, criouse en Skewen, un pequeno pobo preto de Swansea. Co tempo, converteuse nunha das artistas máis coñecidas de Gales, logrando éxitos nas listas de todo o mundo. É recoñecida pola súa característica voz rouca e unha longalista de éxitos que inclúen ‘Total Eclipse of the Heart’, ‘It’s a Heartache’, ‘Holding Out for a Hero’, ‘Lost in France’, ‘More Than a Lover’, ‘Bitterblue’ e ‘If I Sing You a Love Song’.
Ao longo da súa carreira de 50 anos, Bonnie actuou ante públicos de numerosos países e recibiu eloxios da crítica polos seus álbums máis recentes, ‘Rocks and Honey’ e ‘Between The Earth and the Stars’. O seu álbum máis recente, ‘The Best Is Yet to Come’, lanzado o 26 de febreiro de 2021, é unha proposta contemporánea que evoca os sons e estilos do pop rock dos anos 80. Marina Reche, que actuará o domingo 3 ás 22.00 horas en María Pita, é unha cantante española que se combinou de maneira autodidacta para construír unha soa carreira dentro do pop, electrónica e R&B. A pesar de participar coas súas irmás no proceso de selección de Operación Triunfo, non chegou a entrar no concurso, mais pronto despuntou como artista por méritos propios. O seu primeiro EP, ‘Claridad’ (2023), inclúe éxitos como ‘13+1’ e ‘Por si quieres volver’.
En 2024 lanzou o seu segundo EP, ‘Oscuridad’, que consolidou a súa identidade musical con temáticas máis íntimas e sonoridades máis profundas e contrastantes co seu anterior traballo.
A súa primeira xira en solitario, Lo He Intentado Tour, percorreu España e estendeuse ata Arxentina, finalizando con éxito en Madrid diante de 2.000 persoas, demostrando o seu crecente tirón internacional.
O luns 4 será a quenda do espectáculo 111 anos de Rock and Roll, que reunirá a Los Sirex e Los Rebeldes, dúas veteranas formacións que acumular máis dun século de actividade sobre os escenarios. Los Sirex son un dos grupos pioneiros do rock en España, formados en Barcelona en 1959. Inspirados polos sons británicos da época, como The Beatles ou Cliff Richard, conseguiron conectar cunha xeración nova que buscaba romper coas normas da música tradicional. Temas como ‘Que se mueran los feos’ ou ‘Si yo canto’ convertéronse en himnos dos anos 60, marcando un antes e un despois no panorama musical estatal. Co seu estilo desenfadado e cheo de enerxía, Los Sirex foron claves na consolidación do pop-rock en castelán.
Pola súa banda, Los Rebeldes, tamén formados en Barcelona a finais dos 70, foron dos primeiros en introducir con forza o rockabilly e o rock and roll clásico no Estado. Liderados polo carismático Carlos Segarra, destacan por un estilo que mestura a rebeldía do rock con letras festivas e apaixonadas. Cancións como ‘Mediterráneo’, ‘Bajo la luz de la luna’ ou ‘Rebeca’ fixéronos imprescindibles nas décadas dos 80 e 90.
A liña 24 súmase ao dispositivo especial de transportes nas Noites de María Pita
Hoxe comeza o dispositivo especial de transporte urbano durante as Noites de María Pita, os días 1, 2, 3, 4, 5, 10, 11, 12, 13, 14, 15, 17 e 25 de agosto. Haberá saídas desde Porta Real a partir das 00.00 horas, hora prevista da finalización dos concertos.
O dispositivo consistirá nunha liña identificada como 1 que dará cobertura ás zonas da Palloza, Gaiteira, Os Castros, Castrillón e Avda. de Monelos, unha liña identificada como 1A para as zonas de Catro Camiños, Salvador de Madariaga, Matogrande e Eirís, unha liña identificada como 3 que dará servizo ás zonas de Durmideiras e Monte Alto, unha liña identificada como 3A que dará servizo ás zonas de Labañou e Os Rosales, unha liña identificada como 6 que saíndo de Porta Real e que entrará por Juana de Vega á Praza de Pontevedra, Avda. de Fisterra, Ventorrillo e Meicende, unha liña identificada como 7 que saíndo de Porta Real entrará por Juana de Vega para dar servizo ás zonas de Peruleiro, Rolda de Outeiro, Ventorrillo e Vila de Negreira, unha liña identificada como 11 que saíndo de Porta Real pasará por Juana de Vega, Praza de Pontevedra, Juan Flórez, Pla y Cancela e Os Mallos, unha liña identificada como 21 para dar cobertura a Ramón y Cajal, Pablo Picasso, Birloque e Novo Mesoiro. A estas liñas súmase a identificada como 24, que dará servizo ao barrio de A Zapaeteira.
Por outra banda, a partir da 00:05 horas entrará en servizo un servizo nocturno, no sentido inverso ao habitual, Porta Real – Os Castros – Castrillón – Monelos – Eiris – Palavea – Rolda de Outeiro. A partir da 00:30 horas entrará en servizo outro servizo nocturno, no sentido de circulación habitual Labañou – Rolda de Outeiro – Birloque – Novo Mesoiro.