PP e PSOE abstivéronse neste punto, mentres que os restantes saíron todos adiante por unanimidade
Os orzamentos municipais de 2026 do Concello de San Sadurniño quedaron aprobados inicialmente no pleno celebrado este xoves cos votos favorables do Grupo de Goberno e a abstención de PSOE e PP. As contas manteñen practicamente o mesmo volume económico que no exercicio anterior, 3,9 millóns de euros, e, segundo defendeu o executivo local, están marcadas pola “prudencia económica e o equilibrio financeiro”, apostando pola contención do gasto, o mantemento dos servizos públicos e a captación de financiamento doutras administracións, especialmente da Deputación da Coruña a través do POS+ e doutras achegas provinciais. Ademais desta cuestión, a orde do día tamén incluía outros asuntos que aprobaron por unanimidade e sen practicamente debate. Ademais, a sesión arrancou cunhas palabras do alcalde subscritas por toda a Corporación en “lembranza e recoñecemento público” de Bautista Sanjurjo Pérez, traballador municipal e “persoa apreciada por todo o mundo” falecido recentemente.
O documento orzamentario reserva as partidas máis importantes para persoal e para gastos correntes en bens e servizos, cunha atención especial ás políticas sociais, culturais e deportivas. O Goberno local destacou o esforzo realizado para soste-los servizos públicos de xestión directa, como o SAF ou os programas de igualdade e educación familiar, avanzando ademais a posibilidade de crear unha segunda praza de traballador ou traballadora social para mellorar a atención á veciñanza. Tamén se manteñen as axudas ao tecido asociativo, con preto de 190.000 euros destinados a convenios, subvencións e colaboracións con entidades culturais, deportivas e sociais do municipio.
A proposta sometida a votación tamén incorporou críticas ao actual modelo de financiamento local e á “insuficiente” implicación económica da Xunta de Galicia no sostemento de servizos básicos e de tipo social. Neste sentido, o Executivo municipal denuncia que os concellos levan anos asumindo o incremento dos custos enerxéticos e de funcionamento sen unha actualización real das achegas autonómicas, citando especialmente os casos dos servizos sociais e da Escola Infantil municipal. No capítulo de investimentos, o Concello prevé mobilizar máis de 612.000 euros, a maior parte procedentes de subvencións doutras administracións, aos que se sumarán posteriormente os fondos do POS+ AD2/2026 cando sexan confirmados.
O PSOE pronunciouse para anunciar a súa abstención, a mesma postura que adoptou o PP argumentando, principalmente, o incremento do gasto en persoal e gasto corrente. Unha posición esta última que o Goberno local rebateu precisando que as subas no persoal responden aos incrementos salariais previstos, tendo en conta que o Concello xestiona directamente os servizos, e que o gasto corrente tamén se incrementa pola actual situación xeralizada na suba de prezos, sobre todo dos combustibles e enerxía.
Así, o Orzamento Municipal de San Sadurniño -cifrado exactamente en 3.914.639,41 euros- quedou aprobado con carácter inicial. Agora publicarase no BOP a apertura do prazo de exposición pública e, de non haber alegacións, quedará aprobado automaticamente.
Outros asuntos do pleno
Alén deste tema principal, a sesión tamén abordou outras cuestións, como a aprobación do inventario de bens -que supera os 27 millóns de euros- gracias a un traballo desenvolvido pola Deputación da Coruña ou as correccións de erros tanto no convenio da recollida de envases lixeiros como na documentación presentada para solicitar o POS+ 2026 que, segundo aclarou o alcalde, non supón ningún retraso nos proxectos que ían incluídos na documentación. Ademais, o pleno tamén votou favorablemente o proxecto de rehabilitación da nave de obras, despois de que a Deputación -que financiará os traballos- solicitase pequenas modificacións na redacción. Todos estes asuntos saíron adiante por unanimidade.
Ao tratarse dunha sesión ordinaria tamén houbo parte final de preguntas. O PP preguntou cando poderían empezar a utilizar o local asignado aos grupos da oposición na Casa da Cultura. Unha pregunta á que o Goberno local respostou indicándolles que poderían facelo de inmediato. Tamén houbo unha alusión a un rogo efectuado na anterior sesión, cando o edil popular José Luís Hermida Prieto solicitou que a piscina municipal tamén abrise aos baños libres polas mañás. Sobre esta cuestión, o alcalde informou que a idea era coordinar co Técnico Municipal de Deportes -que ten o título de socorrista- a posibilidade de levar a cabo actividades polas mañás que, en principio, poderían ser compatibles cos baños libres.

