San Sadurniño licita en 17.000 euros a xestión do programa de conciliación Aldea de Verán

Redacción
Lectura mínima de 5

As empresas teñen até o 9 de maio para presentar as súas ofertas

O Concello de San Sadurniño ten en marcha o procedemento de contratación da empresa que se encargará de levar adiante a edición 2026 da Aldea de Verán, o servizo socioeducativo dirixido a familias con rapazada entre 3 e 12 anos que se desenvolverá nos meses de xullo e agosto. As empresas interesadas poden presentar as súas propostas ata o martes 9 de maio ás 23:59h, sobre un máximo económico de 17.000 euros, IVE incluído (10%). Os pregos poden obterse na Plataforma de Contratación co Sector Público. As familias deberán agardar, previsiblemente, ata a primeira semana do mes de xuño para solicitar o servizo, que ofertará entre 30 e 35 prazas por quenda.

Segundo recollen os pregos, a empresa adxudicataria deberá presentar unha proposta educativa de calidade, con contidos conectados entre si e adaptados ás distintas idades. O Concello demanda neste apartado unha programación que combine lecer, aprendizaxe e convivencia, cun enfoque integral que teña en conta tanto o desenvolvemento emocional como a promoción de valores individuais e colectivos entre as crianzas participantes.

Entre os requisitos marcados figura tamén a incorporación transversal da igualdade de xénero e do respecto á diversidade. Neste sentido, alén doutras cuestións, as actividades tamén deberán traballar a corresponsabilidade nos coidados, o reparto das tarefas domésticas, o uso do tempo libre ou a participación igualitaria no deporte e no ocio. Ademais, valorarase que as ofertas inclúan propostas complementarias nesta materia por riba do mínimo esixido. O programa tamén pon o foco no coñecemento do contorno rural e o respecto polo medio ambiente.

O desenvolvemento de todos estes conceptos deberá levarse a cabo cun programa adaptado á idade das nenas e nenos participantes, incluíndo xogos cooperativos, actividades físicas saudables e encontros interxeneracionais. A proposta pedagóxica será, de feito, un dos aspectos clave que se vai valorar no proceso de contratación, xunto coa planificación de rutinas e tempos da xornada diaria.

En canto aos medios humanos, o prego esixe un equipo de monitorado con formación pedagóxica e experiencia acreditada en igualdade e prevención da violencia de xénero. Establécese unha ratio mínima dunha persoa monitora por cada dez prazas, garantindo así unha atención de calidade e segura.

O servizo contará con dúas franxas horarias de entrada (desde as 08:00 h) e unha saída fixada entre as 14:30 e as 15:00 horas. A execución do contrato estenderase desde o 22 de xuño ata o 31 de agosto, incluíndo unha fase previa de coordinación e organización dos grupos. Durante este período inicial, a empresa deberá manter xuntanzas co persoal técnico municipal e coas familias inscritas para asegurar o correcto funcionamento do campamento. A solvencia técnica e a calidade da memoria presentada serán determinantes no proceso de adxudicación.

Todas as empresas interesadas e presentar as súas ofertas teñen nesta ligazón tanto os pregos como outra documentación administrativa. O prazo para a recepción de propostas permanecerá aberto ata o 9 de maio ás 23:59h. Deberán rexistrarse obrigatoriamente a través da Plataforma de Contratación do Sector Público.

As solicitudes, a primeiros de xuño
Se non hai imprevistos, o Concello agarda ter completado o proceso de contratación ao longo deste mes de maio. Porén, as familias usuarias deberán agardar ata primeiros de xuño para poder solicitar a participación no programa, que ofrecerá unha trintena de prazas. Se se repiten os mesmos tempos do ano pasado terán que facelo a través do rexistro ou na Sede Electrónica municipal entre o 1 e o 12 de xuño. Con todo, uns días antes publicarase toda a información na web municipal e nas redes sociais para que a ninguén se lle pase o prazo.

Comparte este artigo