As persoas maiores de idade interesadas en colaborar neste evento deportivo poden apuntarse ata o 30 de maio a través dun formulario online. Os voluntarios e voluntarias distribuiranse en dúas funcións: acompañamento das delegacións participantes e tarefas vinculadas ás instalacións da competición. A participación está recoñecida con créditos para o estudantado universitario.
A concelleira de Deportes, Pilar Lueiro, presentou este martes o programa de voluntariado dos XVI Xogos do Eixo Atlántico, que se celebrarán en Santiago do 5 ao 10 de xullo. Na rolda participaron tamén o coordinador do Servizo de participación e inclusión universitaria da USC, Javier Agrafojo, e o técnico de Deportes Francisco Sanín.
Pilar Lueiro detallou que máis de 50 persoas desenvolverán tarefas de voluntariado durante a celebración deste gran evento, no que está previsto que compitan máis de 2.300 deportistas, procedentes de 28 cidades galegas e portuguesas.
“A organización destes Xogos require dun esforzo moi grande para o que nos coordinamos distintas entidades e administracións”, considerou a responsable municipal de Deportes e valorou que as persoas voluntarias son “unha peza fundamental”.
O voluntariado dos Xogos do Eixo Atlántico estará repartido en dúas funcións: acompañamento das distintas delegacións participantes, con dúas persoas permanentemente asignadas a cada unha; e realización de tarefas vinculadas ás instalacións deportivas da competición, con labores coma axuda aos árbitros, atención aos equipos, control do material deportivo, colaboración na distribución de vestiarios ou atención ao público.
“Desde o Concello de Santiago animamos a toda a mocidade a implicarse na organización destes xogos”, afirmou a concelleira, e indicou que calquera persoa interesada en recibir máis información pode pórse en contacto coa Concellería de Deportes no Estadio Municipal Verónica Boquete de San Lázaro a través do teléfonos 981528730 e 650551296 en horario de mañá ou escribindo ao correo electrónico xogoseixo26@santiagodecompostela.gal.
Na mesma liña, Francisco Sanín fixo un chamamento ás persoas maiores de idade para se inscribiren como voluntarias e celebrou que “durante unha semana Santiago se converte nun referente a nivel deportivo de todo o noroeste peninsular”.
Formulario de inscrición online
Pola súa banda, Javier Agrafojo expresou o agradecemento da Universidade de Santiago ao Concello pola colaboración e lembrou que o rexistro de voluntarios da USC está aberto a todas as persoas, non so á comunidade universitaria a través dun sinxelo formulario online.
A inscrición como voluntario dá dereito a cobertura sanitaria e seguro de responsabilidade civil. Ademais, para o estudantado universitario, a participación recoñécese con créditos.
O prazo de inscrición xa se atopa aberto e estenderase ata o vindeiro 30 de maio. As persoas que queiran participar como voluntarias terán que ter, nesa data, polo menos 18 anos de idade.

