Mercedes Rosón levará ao pleno unha proposta para garantir alternativas de estacionamento e mellorar a mobilidade en Salgueiriños

Redacción

• A concelleira Non Adscrita defenderá a necesidade de anticipar solucións para substituír o actual aparcadoiro de autocarabanas e autobuses afectado polo proxecto de vivenda pública impulsada pola Xunta de Galicia

• Propón habilitar tamén unha nova conexión do aparcadoiro no que se celebra o mercadillo semanal coa rúa Manuel maría para optimizar o uso do estacionamento

A concelleira non adscrita de Santiago de Compostela, Mercedes Rosón, defenderá no pleno municipal desta semana unha proposición orientada a garantir alternativas de estacionamento e mellorar a mobilidade na contorna de Salgueiriños ante o anuncio da Xunta de Galicia de desenvolver na súa parcela desta zona un proxecto urbanístico con 224 vivendas de promoción pública e unha residencia xuvenil de 150 prazas.

Rosón sinala que este anuncio chega “despois de máis dunha década e media de gobernos do Partido Popular sen desenvolver políticas ambiciosas de vivenda pública en Santiago”, unha situación que contribuíu a agravar ano tras ano o problema de acceso á vivenda na cidade. A pesar diso, considera que a construción destas vivendas protexidas “é unha actuación benvida e necesaria para Santiago”.

Porén, a concelleira advirte tamén dos impactos que este desenvolvemento terá sobre a contorna urbana, especialmente pola desaparición do actual aparcadoiro de autocaravanas e autobuses de Salgueiriños, situado na parcela da Xunta ao carón da Administración de Facenda. Segundo explica, esta situación obriga ao Concello a anticiparse e planificar solucións alternativas que permitan manter un servizo “especialmente relevante para a mobilidade da zona norte da cidade e para o turismo itinerante”.

Neste sentido, Rosón lembra que as concelleiras Non Adscritas xa trasladaran esta preocupación durante a negociación dos orzamentos municipais, incorporando expresamente a proposta de crear un aparcadoiro disuasorio na zona norte da cidade coa colaboración doutras administracións para a súa planificación, financiamento e execución.

Mellora da mobilidade e optimización de espazos infrautilizados

A proposta que defenderá no pleno tamén aborda a situación da zona de estacionamento anexa, utilizada semanalmente para a celebración do mercadillo dos xoves. Segundo expón Rosón, este espazo presenta “un enorme potencial como equipamento de estacionamento e mobilidade para o barrio”.

Por este motivo, a iniciativa solicita habilitar unha nova entrada e saída deste aparcadoiro cara á rúa Manuel María, mellorando a accesibilidade e evitando que os vehículos teñan que acceder exclusivamente pola rúa de Melide.

A edil considera que esta actuación permitiría optimizar un espazo público actualmente infrautilizado, mellorar a circulación na contorna e facilitar a conexión coa futura Factoría Moza, proxecto con financiamento europeo previsto precisamente nas proximidades da nova conexión proposta.

Rosón defende que a urbanización e mellora da mobilidade nesta zona debe responder “a unha visión integral e planificada da cidade”, coordinando as necesidades de vivenda, mobilidade, estacionamento, servizos públicos e novos equipamentos. Ademais, subliña a importancia de desenvolver estas actuacións escoitando ás asociacións veciñais e promovendo a colaboración entre administracións para garantir solucións “útiles, sostibles e adaptadas ás necesidades reais da veciñanza”.

Comparte este artigo