O PSdeG responsabiliza ao PP de dúas décadas de abandono en vivenda e acusa ao Goberno de Sanmartín de non estar á altura dunha emerxencia habitacional que segue agravándose en Santiago.
Marta Abal denuncia a falta de resposta efectiva tanto da Xunta como do executivo local e advirte de que a ausencia de políticas ambiciosas está a cronificar un problema que require actuacións urxentes e decididas.
A concelleira do Grupo Municipal Socialista, Marta Abal, advertiu da gravidade da crise de acceso á vivenda en Santiago e criticou a falta de respostas efectivas por parte das administracións, nun contexto no que esta problemática continúa a ser a principal preocupación da cidadanía.
Abal denunciou que “mentres o problema de acceso á vivenda segue a ser a principal preocupación da cidadanía, asistimos a como o voceiro do Partido Popular e o executivo local se enredan en debates que non aportan solucións á emerxencia habitacional que estamos a vivir”, evidenciando a desconexión entre a realidade social e a acción política. Neste sentido, a edil socialista subliñou que “a crise da vivenda require de políticas públicas a curto e a medio prazo construídas en torno a consensos e non a base de botar balóns fóra”, apelando á responsabilidade das administracións para actuar con rigor e altura de miras.
A concelleira foi especialmente crítica co papel do Partido Popular, lembrando que “é o menos indicado para dar leccións sobre vivenda pública”, xa que esta é unha competencia da Xunta de Galicia, administración que “leva máis de vinte anos sen promover vivenda protexida en Santiago”. “Agora entráronlle as présas. Benvidas sexan, pero, de ter actuado antes e de ter cumprido coas súas responsabilidades en tempo e forma, Santiago non estaría atravesando a grave situación de acceso á vivenda que padece hoxe”, afirmou.
Do mesmo xeito, Abal cuestionou as políticas impulsadas polo Goberno da señora Sanmartín, que cualificou de “claramente insuficientes” e sen a “ambición necesaria para afrontar a magnitude do problema”, incidindo na necesidade de adoptar medidas máis decididas e eficaces.
Fronte a esta situación, a concelleira socialista defendeu a proposta das e dos socialistas como a vía máis eficaz para dar resposta á emerxencia habitacional, “a solución máis realista é a mobilización da vivenda baleira”.
Segundo explicou, os datos que manexa o propio executivo local revelan que en Santiago existen máis de 6.000 vivendas baleiras, o que supón “máis do 23% do parque residencial infrautilizado”, unha realidade que representa unha oportunidade clara para incrementar a oferta de vivenda a curto prazo. “O goberno municipal conta xa coa información necesaria para facer unha primeira análise do parque de vivenda da cidade e para sentar as bases dunha toma de decisións eficaz nesta materia”, indicou.
“Mobilizar vivenda baleira trátase da medida máis realista e eficaz para aumentar a oferta de alugueiro social a curto prazo e empezar a dar solución ás necesidades urxentes da cidadanía”, concluíu Abal, reafirmando o compromiso dos socialistas cunha política de vivenda “útil, realista e centrada en dar respostas inmediatas á veciñanza”.

