A concelleira socialista Marta Abal advirte do “profundo descontento” existente entre a veciñanza do rural ante a falta de investimentos, planificación e diálogo por parte do executivo municipal.
As e os socialistas lembran que xa advertiran durante a negociación orzamentaria da “nula vontade” do Goberno de Sanmartín para cumprir os compromisos adquiridos co rural compostelán.
Abal denuncia a falta de transparencia nas prioridades do executivo e alerta de que o abandono do rural está a agravarse mentres continúan sen executarse medidas básicas comprometidas no pacto.
A concelleira do Grupo Municipal Socialista Marta Abal denunciou o “incumprimento reiterado” do Pacto polo Rural por parte do Goberno de Goretti Sanmartín e advertiu do crecente malestar existente nas parroquias compostelás ante a falta de avances reais nos compromisos adquiridos.
Abal lembrou que “hai xa máis de tres anos que se asinou o Pacto Local polo Rural e, lonxe de avanzar no seu cumprimento, o que existe hoxe é un profundo descontento por parte da veciñanza”, unha situación que, segundo advertiu, foi trasladada recentemente pola Federación de Asociacións Veciñais do Rural.
A concelleira socialista subliñou que o pacto incluía actuacións fundamentais para garantir servizos públicos, fixar poboación e mellorar a calidade de vida nas parroquias, especialmente na zona norte do municipio. Porén, denunciou que “uns compromisos que o goberno local está a incumprir de forma reiterada”.
Neste sentido, Abal lembrou que as e os socialistas xa advertiran durante as negociacións orzamentarias “que o executivo municipal estaba a vulnerar o compromiso de destinar o 1% do orzamento a actuacións no rural”, sinalou, advertindo ademais de que esa porcentaxe se pretendía completar “excluíndo os fondos do POS aportados pola Deputación”.
A edil socialista puxo tamén o foco na falta de diálogo co tecido veciñal e asociativo das parroquias, asegurando que “o problema non é só a falta de investimento”. Así, advertiu dunha “preocupante falta de transparencia e de diálogo” e criticou que “a veciñanza non sabe con claridade cales son os investimentos reais nas súas parroquias e, ademais, non se está tendo en conta as súas prioridades”.
Como exemplo desta forma de actuar, Abal referiuse ao novo contrato de transporte, asegurando que “o exemplo máis claro foi o novo contrato de transporte, no que se decidiron rutas e frecuencias sen escoitar ás persoas que utilizan ese servizo cada día”.
As e os socialistas insistiron en que o rural compostelán precisa planificación, investimentos e unha interlocución constante coa veciñanza para evitar que continúe avanzando o abandono das parroquias.
“O rural de Santiago merece un goberno que cumpra os compromisos adquiridos e que deixe de tratar as parroquias como territorios secundarios”, concluíu Abal, reivindicando a necesidade de garantir “a igualdade de oportunidades e mellorar a calidade de vida de toda a cidadanía, viva onde viva”.

