O PSdeG esixe a paralización inmediata das obras da senda ciclista de Conxo e acusa á Xunta de “agredir” un espazo patrimonial único

Redacción

Gumersindo Guinarte denuncia que o Goberno de Rueda continúa adiante cun proxecto cuestionado por informes técnicos e pola veciñanza, malia os danos xa visibles sobre o patrimonio natural e histórico de Conxo.

Os socialistas levarán ao pleno unha moción para reclamar a suspensión das obras entre o túnel da Fervenza e Suarribas e a busca dun trazado alternativo que respecte o valor ambiental, patrimonial e paisaxístico da contorna do Sar.

O Grupo Municipal Socialista levará ao próximo pleno do Concello de Santiago unha moción para esixir á Xunta de Galicia a paralización inmediata das obras da senda ciclista ao seu paso por Conxo e a revisión integral do proxecto neste ámbito, tras os graves impactos provocados nun espazo de alto valor patrimonial e ambiental.
O voceiro socialista, Gumersindo Guinarte, advertiu de que a actuación impulsada polo Goberno de Alfonso Rueda está a provocar “unha agresión intolerable sobre un espazo que forma parte da identidade patrimonial e paisaxística de Santiago”, e criticou que a Xunta decidise seguir adiante “ignorando tanto os informes técnicos como o clamor social existente en Conxo”.
Os socialistas lembran que o ámbito afectado forma parte da contorna protexida da Cidade Histórica de Santiago, declarada Patrimonio Mundial pola UNESCO, e que tamén entra en contradición co proxecto do Eco-bosque do Sar, financiado igualmente con fondos europeos. Neste sentido, Guinarte denunciou que “é absolutamente incoherente destruír con fondos europeos o mesmo patrimonio que outras actuacións públicas pretenden recuperar e protexer”.
O voceiro socialista puxo o foco no informe emitido por ICOMOS, organismo asesor da UNESCO, que xa advertira das afeccións sobre este espazo singular. Porén, criticou que “a Xunta actuou coma se os informes técnicos fosen un simple trámite incómodo que se pode apartar cando molestan aos seus plans”.
Guinarte asegurou que o resultado das obras xa é visible sobre o terreo, cunha imaxe “demoledora” para Conxo. “O que estamos vendo son árbores talladas, muros demolidos e unha deterioración evidente das ribeiras do Sar. Esa é a fotografía real dunha actuación profundamente lesiva para o patrimonio de todas e todos”, afirmou.
O Grupo Municipal Socialista considera especialmente grave que o Goberno galego continúe executando o proxecto pese á forte contestación veciñal e ás advertencias sobre o impacto ambiental e patrimonial da intervención. “A Xunta non pode seguir actuando desde a imposición e a soberbia, coma se Conxo fose un espazo sen valor e a opinión da veciñanza non importase”, sinalou Guinarte.
Por todo isto, as e os socialistas reclamarán no pleno municipal a paralización inmediata das obras entre o túnel da Fervenza e Suarribas e a apertura dun proceso de revisión que permita definir un trazado alternativo “compatible coa protección do patrimonio, da paisaxe e do río Sar”.
“O patrimonio de Conxo non se pode destruír a golpe de escavadora nin sacrificar por unha mala planificación da Xunta. Estamos a tempo de frear unha actuación que xa está causando danos irreversibles”, concluíu Guinarte.

Comparte este artigo