Do 22 ao 28 de xuño, artistas de proxección internacional converterán o concello nun museo ao aire libre
O Concello de Fene achega 8.000 euros e coordina un amplo dispositivo loxístico para garantir o correcto desenvolvemento do festival
O Concello de Fene ten xa todo preparado para a celebración da cuarta edición do Perla Mural Fest, que se desenvolverá desde hoxe até o 28 de xuño e que volverá converter o municipio nun auténtico museo ao aire libre grazas á creación de novas obras de arte urbana da man de artistas de renome internacional.
Co obxectivo de ultimar os preparativos, a alcaldesa de Fene, Sandra Permuy, mantivo un encontro de coordinación no que tamén participaron a concelleira de promoción económica e turismo, Ángeles Coira; a deputada provincial de plans, Cristina García; e representantes da organización do Festival, Ramón Pereira e Fran Lage.
Nesta edición serán tres os artistas encargados de ampliar a colección de murais do municipio. A artista valenciana Mandioh realizará a súa obra na Avenida de Tarrío, 78, en Perlío. Pola súa banda, o artista galego Bublegum (Tirso Paz), un dos creadores con maior proxección do panorama actual, intervirá na rúa Paz, número 4. O cartel complétase co chileno Cristóbal Persona, que regresa a Fene tras o éxito acadado na pasada edición coa obra “O charanguista andino”, recoñecida como mellor mural do mundo, e que estará pintando na Avenida Marqués de Figueroa 55.
Máis aló da pintura, o festival tamén inclúe unha intensa programación musical, que se concentrará entre os días 26 e 28 de xuño. O venres 26 actuarán Rufus T. Firefly, Tu Otra Bonita, Luis Fercán, Battosai e DJ R4tibrón. O sábado 27 será a quenda de Carlangas, Melón Diesel, True Mountains, Zavala & Atalaias de Caión, DJ R4tibrón e Daft Punk Vives. Os abonos e entradas por días poden adquirirse na web perlamuralfest.gal
Ademais, o festival contará cun concerto de Festicultores Troupe, de acceso libre, incluído dentro da programación impulsada pola Deputación da Coruña a través da campaña “A paisaxe que sabe”, que tamén chega a Fene co mercado de artesanía.
A alcaldesa de Fene, Sandra Permuy, destacou que “o Perla Mural Fest é xa unha cita consolidada que sitúa a Fene no mapa da arte urbana e da cultura contemporánea, atraendo cada ano a centos de visitantes e contribuíndo á dinamización económica e social do municipio”.
A rexedora subliñou tamén “o enorme traballo que realiza a asociación organizadora e o compromiso do Concello con este proxecto, que conta cunha subvención nominativa de 8.000 euros”. Neste sentido, explicou que “existe un traballo conxunto das diferentes áreas municipais para garantir a loxística do evento, o coidado dos espazos públicos e a seguridade durante toda a semana. A implicación do Concello é total para que veciñanza e visitantes gocen da experiencia nas mellores condicións”.
Desde o Concello destacan que, en apenas catro edicións, o Perla Mural Fest conseguiu converter Fene nun referente da arte urbana en Galiza, deixando un legado permanente que pode ser desfrutado durante todo o ano e contribuíndo a proxectar a imaxe de Fene máis aló das súas fronteiras.

