Últimos días para inscribirse na carreira popular dos Rosales, que pechará a primeira parte da tempada de Coruña Corre o domingo 31 de maio

Redacción

O Concello ultima o dispositivo de organización da proba, que contará cun percorrido de case seis quilómetros polo interior do barrio coruñés e o treito do paseo marítimo ao bordo do Portiño

A Coruña xa quenta motores de cara á cuarta cita do circuíto Coruña Corre, que o vindeiro domingo 31 volverá ás rúas dos Rosales, na XIII edición da carreira popular que pasa polo barrio.

Ao igual que o ano pasado, a xornada arrincará ás 10.00 horas coa disputa da proba en categoría absoluta. A saída será desde a avenida Fernando Suárez García, a carón do pavillón polideportivo municipal dos Rosales. Desde aí, un percorrido de case seis quilómetros que comezará cun treito de subida polas rúas Manuel Azaña, Simón Bolívar, o anel interior da rúa Alcalde Alfredo Suárez Ferrín e xa, a continuación, paso pola estrada dos Fortes e baixada en dirección ao Portiño.

Será precisamente aquí, no Portiño, onde haberá un cambio de superficie, pasando do asfalto ao adoquín. Os dous últimos quilómetros discorrerán ao bordo do paseo marítimo, cun último treito máis esixente, novamente en subida ata chegar á liña de meta, a carón do polideportivo.

Cómpre lembrar que, na xornada do día 31, ademais da categoría para persoas adultas tamén haberá probas en categorías inferiores e os máis pequenos, desde sub-18 a peques, con percorridos máis reducidos e adaptados en función da idade.

As persoas interesadas en participar na carreira poderán formalizar a súa inscrición na web de Coruña Corre ata este domingo 24 de maio, data límite para facelo.

O concelleiro de Deportes, Manuel Vázquez, animou a cidadanía a participar na proba, que pechará a primeira parte desta tempada de Coruña Corre. Tras as citas xa realizadas ao pé da Torre de Hércules, Xuxán – Matogrande – Sector 7 e San Pedro de Visma, Os Rosales marcará o parón temporal do circuíto, que volverá despois do verán coa Volta a Oza.
“Programas municipais como Coruña Corre, co apoio dos clubs e das entidades locais, son fundamentais para poñer en valor a práctica deportiva ao aire libre nos espazos públicos da cidade. Tamén para que A Coruña conte cunha comunidade de corredores e corredoras como a que hai a día de hoxe. Isto amosa a boa saúde desta disciplina e a paixón interxeracional que existe aquí polas carreiras populares, que teñen un gran potencial e debemos coidar e impulsar ao máximo. Así o entendemos desde o Goberno de Inés Rey e así o seguiremos facendo”, indicou Vázquez.

Comparte este artigo