A Consellaría de Educación vai ofrecer no CPI San Sadurniño un obradoiro gratuíto para familias centrado na educación dixital en ciberseguridade e privacidade das mozas e mozos con idade comprendidas entre os 10 e os 18 anos. A actividade ofrecerá ferramentas prácticas para acompañar a rapazada no uso seguro e responsable das tecnoloxías, abordando cuestións como os riscos dixitais, a xestión do tempo fronte ás pantallas ou os recursos de protección dispoñibles. A sesión, apoiada pola Axencia Para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, está programada para o próximo mércores, 6 de abril, en horario de 16:00 a 17:30h.
A transformación dixital mudou de maneira profunda os hábitos de comunicación, aprendizaxe e lecer da infancia e da adolescencia. Por iso, cada vez resulta máis necesario que nais, pais e persoas titoras conten con orientación e recursos que lles permitan acompañar ás e aos menores neste novo contexto tecnolóxico.
Durante o obradoiro trataranse cuestións de especial interese para as familias, como identificar os principais riscos presentes na rede, entre eles o ciberacoso, a exposición excesiva da vida privada, os contidos inadecuados ou posibles fraudes. Tamén se ofrecerán recomendacións para fomentar un uso crítico e responsable de internet e das redes sociais.
Outro dos aspectos centrais da sesión será a xestión equilibrada do tempo diante das pantallas. Neste sentido, achegaranse propostas para establecer límites saudables no uso de dispositivos dixitais, promovendo rutinas que favorezan o descanso, a convivencia familiar e outras actividades de ocio e aprendizaxe.
Ademais, o encontro dará a coñecer ferramentas e recursos de acompañamento parental que permiten supervisar e protexer ás persoas menores sen invadir a súa privacidade, apostando por modelos baseados no diálogo, a confianza e a educación en valores dixitais.
Desde o Concello anímase ás familias de San Sadurniño e da contorna a participar nesta actividade formativa gratuíta, na que ademais de adquirir coñecementos de grande utilidade para unha vida conectada segura, tamén se solventarán dúbidas que poidan ter as nais e pais.

