Home A Coruña VII Mostra Internacional de Cinema Documental Mares da Fin do Mundo

VII Mostra Internacional de Cinema Documental Mares da Fin do Mundo

- Anuncio -

A segunda xornada da VII Mostra Internacional de Cinema Documental Mares da Fin do Mundo, celebrada este xoves 31 de outubro, comezou ás 10:00 h co Panel do mar na Sala Polivalente do Auditorio de Ribeira. A sesión consistiu nunha serie de relatorios presentados polo director da Mostra, Marcos Gallego, nos que se abordou a situación da industria pesqueira na actualidade, analizando o impacto económico e social da pesca e as súas perspectivas de futuro. Para esta actividade tivemos a sorte de contar con: Ángel Calvo Santos, adxunto da Dirección Xeral de Asuntos Marítimos e de Pesca da Comisión Europea (DG Mare), que presentou o informe 2024 Annual Economic Report of the EU fishing fleets; Gonzalo Rodríguez Rodríguez, profesor titular de Economía Aplicada na USC, co relatorio Dilemas da pesca artesanal, dende a súa propia definición, e Rosa Chapela Pérez, directora do Centro Tecnolócico do Mar – CETMAR, co relatorio A situación xeral da pesca, acuicultura e marisqueo e a relación destes sectores coa ciencia e novas formas de diversificación como as que oferta a economía azul.

Deseguido, tivo lugar o faladoiro audiovisual Marea de contidos, un espazo creado para achegarnos ás novas realidades sobre a produción audiovisual e cinematográfica centrada no mar e na pesca artesanal local. Os asistentes tiveron a oportunidade de ver unha serie de curtametraxes que poñen en valor o patrimonio pesqueiro e costeiro da Ría de Arousa. En concreto, proxectáronse: A xouba de Rianxo e arte do xeito, Voces da conserva e Mar de redes, títulos promovidos polo Concello de Rianxo, a Mancomunidade Barbanza Arousa e o IES Félix Muriel, respectivamente. Unha vez rematadas as proxeccións, tivo lugar un diálogo entre os representantes dos filmes, Julián Bustelo (alcalde de Rianxo), Miguel Ángel Vidal (responsable da Sala Museo Municipal de Ribeira), Lucía Otero Serramito (alumna do IES Félix Muriel), Rafael Saco (profesor do IES Félix Muriel) e o divulgador e pescador Rogelio Santos Queiruga coma moderador.

Xa pola tarde, no Auditorio de Ribeira, deu inicio a proxección dos primeiros filmes participantes na Competición Oficial, na que este ano concorren un total de quince títulos de doce nacionalidades diferentes e falados en múltiples linguas (con subtítulos en galego). Nesta xornada, o público puido ver un total de oito obras, divididas en dous bloques. No primeiro bloque da Competición Oficial proxectáronse 4 documentais, comezando con 4 AM, de Kuba Zalewski (Polonia, 2023), unha obra que explora o fráxil equilibrio entre a tradición, o sustento e os desafíos ambientais que ameazan o modo de vida dun pai e o seu fillo, pescadores no mar Báltico. A continuación, foi a quenda de Mermaid, de Eilif Bremer Landsend (Noruega, 2023), ambientada nas illas Lofoten, unha curta que presenta unha historia sutil e sorprendentemente visual sobre o relevo xeracional na pesca. O terceiro filme da sesión foi Todo lo cubre la sal, de Joana Moya (España, País Vasco, 2023), que pon o foco nas 57 redeiras que traballan nas costas do País Vasco ao xeito tradicional. Finalmente, este bloque pechouse con Aimer la mer à Gaza, de Sarah Katz e Samia Ayeb (Francia/Palestina, 2024), unha obra que amosa a realidade da pesca en Gaza, un enclave duramente golpeado pola historia recente. A directora Sarah Katz agasallounos coa súa presenza nas primeiras xornadas da Mostra, presentou o filme e participou, conxuntamente co activista Pierre Stambul, nun coloquio co público ao rematar a proxección.

O segundo bloque comezou coa proxección de Blow, de Neus Ballús (España, Cataluña, 2023), unha obra que documenta a viaxe de Mar xunto a un equipo de investigación para poder gravar o son das baleas. Pola súa banda, Percebes, de Alexandra Ramires e Laura Gonçalves (Portugal/Francia, 2024), destacou por ser o primeiro filme de animación presentado na competición da Mostra, ofrecendo un retrato da vida no Algarve a través do ciclo dos percebes. Deseguido, proxectouse Das Áugas, de Adalberto Oliveira e Tiago Martins Régo (Brasil, 2023), unha obra que retrata a vida diaria e a identidade cultural de mulleres e homes que dependen da pesca no río Capibaribe, en Recife, Pernambuco. Pechouse este segundo bloque coa proxección de Oro Rojo, de Milton Ferreira Monteiro (Arxentina, 2023), un filme que plasma o traballo de Darío Bravo e os seus fillos navegando no Canal Beagle na procura da Centola Fueguina, unha especie ameazada pola sobrepesca nas costas austrais.

Ao longo desta segunda xornada estivemos acompañados por unha delegación do IES Félix Muriel de Rianxo, no marco dunha colaboración que veñen desenvolvendo coa Mostra, orientada aos Obradoiros de Cinema con Móbiles e ao proxecto europeo Escolas Azuis.

A Mostra Internacional de Cinema Documental MARES DA FIN DO MUNDO está organizada pola Asociación Cultural Mares da Fin do Mundo, coa colaboración na dirección e produción de ABA Films e o apoio, entre outros, da Deputación da Coruña, a Dirección Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia e o Concello de Ribeira. Así mesmo, MDFDM forma parte de Proxecta (Coordinadora Galega de Festivais de Cinema, integrada na federación estatal Pantalla).

Materiais adicionais dispoñibles no sitio web da mostra e nas redes sociais de Mares da Fin do Mundo (Facebook, Instagram e Youtube). Tamén a petición no correo: comunicacion@maresdafindomundo.gal

Relacionadas

Xunta e Concello de Ribeira destacan a calidade dos produtos frescos de proximidade

0
O director xeral de Comercio e Consumo, Gabriel Alén, o rexedor, Luís Pérez, o segundo tenente de alcalde, Franciso Suárez, a concelleira de Promoción...

O Concello adxudica os traballos de mellora do campo de fútbol municipal Víctor Fernández...

0
A actuación, que consistirá na renovación do céspede artificial e do peche perimetral, ten un orzamento de máis de 430.000 euros O Concello vén de...

Neda reforzará as partidas de emerxencia social e a axuda no fogar cos fondos...

0
O Concello de Neda destinará o POS+ Adicional 2025 a reforzar as partidas municipais destinadas a facer fronte tanto aos gastos de emerxencia social...

Albert Pla pecha este sábado a programación do Ciclo Principal de outono no Teatro...

0
Últimas entradas á venda de cara ao espectáculo do polifacético artista catalán, recoñecido polo seu traballo musical e as súas colaboracións con Robe Iniesta,...

Carballo segue a amosar a súa solidariedade coas vítimas da DINA cun concerto benéfico...

0
Quercus Blues, Rusty Nuts, Lowcos e The Cerne actuarán o sábado 28 a partir das 20.00 horas na carpa da Praza do Concello Carballo é...

Incendio na nave do Matadoiro de Vilaseco, en Vimianzo

0
Os bombeiros do parque Provincial de Carballo, apoiados polo parque de Santa Comba, acudiron sufocar o incendio producido no Matadoiro de Vilaseco, na parroquia...

Publicacións Relacionadas