Miguel Fernández asiste á toma de posesión de Carlos Amiama como novo Director da Escola Politécnica Superior da USC
-O Deputado de Formación, Ensino e Economía do Coñecemento, desexou sorte a Amiama Ares nesta nova etapa e salientou a estreita colaboración do ente provincial coa Universidade de Santiago de Compostela
–A Deputación mantén o seu compromiso co ensino universitario cunha aportación de máis de 370.000€ ao ano
O Deputado de Formación, Ensino e Economía do Coñecemento, Miguel Fernández Méndez, asistiu este mércores no Campus de Lugo á toma de posesión do novo director da Escola Politécnica Superior de Enxeñaría da Universidade de Santiago de Compostela (USC), Carlos Amiama Ares.
Fernández Méndez desexou sorte a Amiama Ares nesta nova etapa e aproveitou para por en valor o convenio de colaboración, a través do que a institución provincial destina 370.500€ á universidade, “unha achega que non é só unha cifra, senón un compromiso político e social co futuro da educación pública”. Recordou ademais que “somos a administración local española que realiza unha maior aportación económica á universidade. Por iso, este convenio contempla iniciativas para o reforzo dos centros de investigación, fomentar a divulgación científica e apoiar a promoción tanto da formación práctica como das case 20 titulacións que se imparten no Campus de Lugo”.
O convenio do ente provincial coa USC abrangue varias liñas de actuación para o reforzo de institutos, centros de investigación e estacións biolóxicas; o mantemento, reparación e mellora do Campus de Lugo; o apoio á divulgación científica, como o campus de verán Xuvenciencia ou actividades de transferencia de coñecemento; unha campaña de difusión das titulacións do Campus; actividades na Museo Domus do Mitreo e a promoción de prácticas na Granxa Gayoso Castro.
Carlos Amiama, que substitúe no cargo á profesora Rosa Romero, é Enxeñeiro técnico agrícola (1991) e enxeñeiro agrónomo (1994) pola USC, ademais de doutor enxeñeiro agrónomo (2003) pola USC. Iniciou no ano 1994 a súa traxectoria profesional no ámbito da consultoría, como enxeñeiro proxectista, desenvolvendo numerosas actuacións no ámbito da ordenación territorial, infraestruturas enerxéticas ou valoracións, entre outros aspectos.
No ano 2002 incorporouse á docencia universitaria como profesor asociado, compatibilizándoa coa actividade profesional na empresa ata o ano 2009, no que se incorpora a tempo completo á Universidade. Desde o ano 2020 é profesor titular no departamento de Produción Vexetal e Proxectos de Enxeñería, área de Proxectos de Enxeñería. Compatibiliza a actividade docente e investigadora, impartindo docencia en varios graos e másters e dirixindo numerosos traballos académicos.

