A Deputación de Ourense recibiu hoxe a visita dunha delegación procedente da cidade francesa de Quimper, nun encontro celebrado no Pazo Provincial no marco dos intercambios culturais que ambas cidades manteñen dende hai anos arredor da promoción e difusión do patrimonio tradicional galego e bretón.
As persoas visitantes foron recibidas polo director da Área de Cultura da Deputación, Marcos Vázquez, acompañado polos responsables do Centro de Cultura Popular Xaquín Lorenzo, Xulio Fernández Senra e Xavier Álvarez, cos que compartiron unha xornada de intercambio cultural e institucional.
A colaboración entre o CCP Xaquín Lorenzo e entidades culturais de Quimper consolidouse nos últimos anos a través de exposicións, conferencias, obradoiros e programas de divulgación vinculados á cultura tradicional, o patrimonio etnográfico e o Camiño de Santiago.

