O proxecto, financiado integramente polos fondos NextGeneration de Europa, contempla dotar a cada municipio dunha base de datos de vivendas, unificada a nivel nacional e coas vivendas xeolocalizadas
“Imos crear unha plataforma de numeración dixital das vivendas, para que cada un dos concellos poida xestionar o seu rueiro e mantelo actualizado”, explicou o presidente Luis López
O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, anunciou que a Xunta de Goberno acaba de aprobar a adxudicación do contrato para poñer en marcha o proxecto +Rueiro, que conta cun orzamento total de 1,5 millóns de euros financiado ao 100% polos fondos NextGeneration. Con esta nova iniciativa provincial vaise transformar e modernizar o padrón municipal mediante a elaboración dun censo de vivendas en 59 concellos da provincia.
“O que imos a facer é crear unha plataforma de numeración dixital das vivendas, para que cada un dos concellos poida xestionar o seu rueiro e mantelo actualizado”, explicou o presidente Luis López quen enxalzou esta solución tecnolóxica actual, innovadora e amigable que permitirá seguir avanzando na modernización da administración pública.
+Rueiro dá resposta a unha demanda municipal histórica, sobre todo entre os municipios máis pequenos da provincia. O seu principal obxectivo é que cada municipio dispoña dunha base de datos de vivendas, que estará ademais unificada a nivel estatal, na que cada vivenda contará cun identificador baseado na referencia catastral e que permitirá, á súa vez, xeolocalizalas.