O presidente provincial, Luis Menor, asistiu hoxe á saída en Lobios e á chegada en San Cibrao das Viñas desta proba, un evento que cualificou como “unha das mellores tarxetas de visita da nosa provincia ao mundo”
A provincia de Ourense volveu ser o epicentro do ciclismo de elite feminino, unha aposta da Deputación de Ourense que apoiou o paso de “La Vuelta Femenina” pola provincia. O presidente provincial, Luis Menor, asistiu hoxe á saída en Lobios e á chegada en San Cibrao das Viñas da segunda etapa desta competición que demostrou, unha vez máis, que a provincia de Ourense é “un grandísimo escenario para o deporte de alta competición”.
Acoller este tipo de eventos é “unha das mellores tarxetas de visita da nosa provincia ao mundo. Temos a orografía, as estradas e a capacidade loxística para acoller os eventos máis esixentes do calendario internacional”, valorou Menor tralo remate da competición.
A etapa, con 109 km de selo ourensán, levou ao pelotón desde Lobios a San Cibrao das Viñas, pasando por Muíños, Bande, Verea, Celanova, Outomuro, As Maravillas, A Manchica, A Merca e Taboadela. A corredora belga Shari Bossuyt, do equipo AG Insurance-Soudal Team, impúxose ao sprint e recibiu o premio de mans de Luis Menor e a vicepresidenta primeira e alcaldesa de San Cibrao, Marta Novoa.
Esta aposta polo deporte desde a Deputación é, neste caso, un compromiso tamén coa igualdade porque “cremos que apoiar “La Vuelta Femenina” é unha cuestión de convicción”, dixo o presidente provincial, quen afirmou que ademais permitirá que as rapazas ourensás coñezan a referentes deportivos de primeiro nivel competindo nas súas propias estradas”.

