A Instrución 1/2026 establece unha metodoloxía homologada e de actualización anual que permite localizar 16 treitos con maior risco de atropelos de fauna silvestre
A Deputación de Ourense vén de aprobar a Instrución 1/2026 da Área de Infraestruturas, pola que se establece, por primeira vez, unha metodoloxía técnica normalizada para a identificación dos Treitos de Concentración de Atropelos de Animais (TCAAs) na rede de estradas de titularidade provincial. A instrución foi aprobada pola Presidencia o pasado 10 de abril e publicada para garantir a súa transparencia e coñecemento público.
Coa aprobación desta instrución, a Deputación de Ourense dá un paso relevante na modernización da xestión da súa rede viaria, incorporando ferramentas técnicas avanzadas para mellorar a seguridade viaria e dar resposta a un dos retos máis específicos da mobilidade no medio rural, reforzando así o seu compromiso coa protección das persoas usuarias e a convivencia co medio natural.
Esta iniciativa responde a unha problemática estrutural e persistente na provincia: a accidentalidade con fauna silvestre mantense en cifras elevadas e estables, con arredor de 300 sinistros anuais na última década. O xabarín e o corzo concentran entre o 89% e o 94% dos atropelos rexistrados cada ano. No período 2021–2025, contabilizáronse un total de 1.377 accidentes protagonizados por estas especies na rede provincial, dos que máis do 90% se saldaron unicamente con danos materiais.
A Instrución 1/2026 define un procedemento técnico transparente e reproducible para identificar os puntos de maior risco. O modelo está adaptado á Instrución 2/2023 da Xunta de Galicia e emprega como base a información da base de datos ARENA da Dirección Xeral de Tráfico, incorporando tanto accidentes con vítimas como aqueles con danos materiais, o que permite unha análise máis completa e precisa.
O cálculo dos treitos realízase mediante o Índice Puntual de Accidentes (IPA), aplicado sobre tramos de 1 quilómetro con iteracións cada 10 metros. Considerarase TCAA todo treito cun IPA medio igual ou superior a 2 accidentes por quilómetro e ano no conxunto dun quinquenio, que se actualizará anualmente coa incorporación dos datos máis recentes.
16 treitos identificados e máis de 26 quilómetros vixiados
A aplicación desta metodoloxía ao período 2021–2025 permitiu identificar 16 treitos de risco na rede provincial, cunha lonxitude total de 26,21 quilómetros e 259 accidentes rexistrados de xabarín e corzo.
Entre os treitos con maior índice de accidentalidade destacan: a estrada OU-0524 (PQ 0,40–2,30), cun IPA de 2,53; a OU-0502 (PQ 1,27–3,83), cun IPA de 2,50; e a OU-0203 (PQ 1,90–4,30), cun IPA de 2,17.
Nestes casos, os rexistros superan os 10 accidentes por quilómetro no período analizado.
Sinalización específica e revisión anual
Todos os treitos clasificados como TCAA serán obxecto de sinalización viaria específica conforme ao Regulamento Xeral de Circulación. Instalaranse sinais de perigo P-24 (“Paso de animais en liberdade”) en ambos sentidos de circulación, acompañados de focos destelleantes alimentados por batería ou placa solar, paneis complementarios coa lonxitude do treito afectado e limitacións de velocidade adaptadas ás características da vía.
A sinalización será revisada anualmente, coincidindo coa actualización dos datos e a posible redefinición dos treitos de risco.

