O proxecto, financiado ao 80% pola Deputación e ao 20% polo Concello, contempla a creación dun itinerario peonil duns 100 metros de lonxitude
O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, anunciou hoxe que a institución provincial avanza na posta en marcha das obras para mellorar a mobilidade peonil na estrada provincial EP-9704 Igrexa de Caleiro, en Vilanova de Arousa, coa aprobación do convenio de colaboración co Concello. O proxecto ten 81.365 euros, dos que a Deputación aporta o 80% (65.000 €) e o Concello faise cargo do 20% restante e dos custos das expropiacións necesarias, o que suma un total de 22.000 euros.
A actuación desenvolverase nun tramo de 100 metros no que se pretende crear un itinerario peonil. Concretamente, executarase un treito de beirarrúa de ancho variable e ancho mínimo 2,5 metros, cun pavimento de 15 centímetros de formigón. Executarase ademais unha nova rede de drenaxe, instalarase canalización soterrada para alumeado público e renovarase a capa de rodaxe da calzada. Por último, renovarase a sinalización no treito afectado.
“Con proxectos como o de Vilanova de Arousa seguimos mellorando as estradas provinciais e dándolle unha maior seguridade viaria aos veciños e veciñas da provincia, como sempre, da man dos concellos”, explicou o presidente da Deputación Luis López.