HomePontevedraA ParadantaA Deputación arranca este luns a programación de Instrumentos da Memoria. Obradoiros...

A Deputación arranca este luns a programación de Instrumentos da Memoria. Obradoiros escolares sobre a música de raíz en Covelo, Fornelos de Montes e As Neves

- Anuncio -spot_img

A Deputación promove esta actividade coa Fundación Legar co gallo do Día das Letras Galegas para achegar á rapazada a música de raíz, a creación musical autóctona e as tradicións

A Deputación de Pontevedra estrea este luns 12 de maio nos concellos de Covelo, Fornelos de Montes e As Neves o programa Instrumentos da Memoria. Obradoiros escolares sobre a música de raíz, unha das actividades coas que conmemorará o Día das Letras Galegas dedicadas ás cantareiras e á poesía popular oral. A Deputación promove Instrumentos da Memoria xunto coa Fundación Legar, un dos grandes referentes no que se refire á conservación e traballo coa música galega, para achegar a música de raíz, a creación musical autóctona e as tradicións a escolares de 10 concellos da provincia.

As primeiras actividades terán lugar este luns nas Neves (ás 9:30 horas no CEIP Marquesa do Pazo da Mercé), en Fornelos de Montes (ás 12:00 horas no CEIP Doutor Suárez) e en Covelo (ás 15:00 horas no CEIP Antonio Blanco Rodríguez). Nestes obradoiros, a través de representacións musicais didácticas, lúdicas, amenas e participativas, daranse a coñecer cuestións como a historia da música galega e os instrumentos empregados nela, algúns con base na natureza e outros mesmo en ferramentas de uso cotián, así como os xéneros musicais autóctonos. O principal obxectivo é reflexionar sobre a creación musical e as tradicións galegas, implicando os escolares no proceso de conservación do patrimonio cultural e musical.

Instrumentos da Memoria. Obradoiros escolares sobre a música de raíz continuará entre os días 13 e 19 de maio en centros escolares de Campo Lameiro, Cerdedo-Cotobade, Vilanova de Arousa, Portas, Bueu, Forcarei e Silleda, todos eles concellos de reto demográfico.

Publicacións Relacionadas