O proxecto Smartguide ten un orzamento de 300.000 euros e enmárcase dentro do Plan de Sostibilidade Turística en Destino Deza Tabeirós-Terra de Montes.
“Trátase dun paso máis para converter o territorio da provincia nun destino intelixente, e para ofrecer ás persoas visitantes novas propostas para realizar aquí, en Pontevedra”, subliñou o presidente Luis López
A Deputación de Pontevedra avanza na posta en marcha da nova plataforma turística Smartguide, coa que quere divulgar os camiños da Geira e dos Arrieiros e o Miñoto Ribeiro, coa aprobación do expediente para contratar o servizo de implementación da mesma cun orzamento de algo máis de 300.000 euros. “Trátase dun paso máis para converter o territorio da provincia nun destino intelixente, e para ofrecer ás persoas visitantes novas propostas para realizar aquí, en Pontevedra”, subliñou o presidente Luis López, que lembrou que esta plataforma se desenvolve a través dun acordo de colaboración coa Asociación de Desenvolvemento Rural Terras de Pontevedra norte e que se enmarca dentro do Plan de Sostibilidade Turística en Destino Deza Tabeirós-Terra de Montes. Os camiños por dentro, financiado con fondos NextGeneration.
Desta maneira, pretende ser o punto único de información turística das comarcas, que integre non só información de puntos de interese turístico, senón tamén información relevante como servizos básicos e hostalaría.
Así, o principal obxectivo desta iniciativa é poñer en valor e dar a coñecer os recursos históricos, patrimoniais, medioambientais e culturais vinculados aos camiños de Santiago que pasan polas comarcas, o da Geira e dos Arrieiros e o Miñoto Ribeiro. O proxecto contempla a implantación dunha plataforma turística “Smartguide” e comunicación dixital de ambos camiños, a xeración de contido audiovisual asociado aos Camiños de Santiago e aos recursos cabeceira das comarcas, e a recompilación e integración na plataforma da información existente.