A Deputación converte San Marcos na sede do debate internacional sobre lonxevidade e coidados

Redacción

– O Deputado de Formación, Ensino e Economía do Coñecemento inaugurou este venres o congreso Vivir máis, vivir mellor: dignidade, dereitos e coidado na lonxevidade que encheu o Salón de Actos na primeira das dúas xornadas desta cita

“Que a Deputación sexa sede deste encontro é un recoñecemento ao traballo que vimos desenvolvendo na atención ás persoas maiores e a prioridade que damos ás políticas de coidados. Algo que nos compromete a seguir avanzando”, destacou

– Preto de 50 relatores que intercambiarán estes días coñecementos a través de talleres, mesas redondas e actividades de networking, hoxe abordando temas como o edadismo, a esperanza de vida, as vacinas, a estimulación cerebral ou as desigualdades

O Deputado de Formación, Ensino e Economía do Coñecemento, Miguel Fernández, inaugurou este venres a 36 edición do Congreso Internacional de Xeriatría e Xerontoloxía Vivir máis, vivir mellor: dignidade, dereitos e coidados que se celebra hoxe e mañá no Pazo de San Marcos. Xunto ao Presidente da Sociedade Galega de Xeriatría e Xerontoloxía (SGXX), José María Faílde, e outras autoridades deu a benvida aos participantes desta cita que encheron o Salón de Actos da sede provincial durante a primeira xornada.

“Que a Deputación de Lugo sexa sede deste congreso é tamén un recoñecemento ao traballo que vimos desenvolvendo na atención ás persoas maiores e á prioridade que damos ás políticas de coidados. Un recoñecemento que nos honra, pero, sobre todo, que nos compromete a seguir avanzando”, valorou o deputado provincial.

Miguel Fernández Méndez destacou as bondades dunha provincia “diversa, fermosa e profundamente humana. Unha terra de costa e montaña, de patrimonio, de natureza e de pobos vivos que conservan unha maneira especial de entender a comunidade e os vínculos entre as persoas”. E desexou que participantes e relatores teñan tamén “a oportunidade de descubrir esta provincia e desfrutar de todo o que pode ofrecer”.

Sinalou que Lugo é tamén unha provincia envellecida, especialmente no rural, “por iso, para nós, falar de lonxevidade non é unha cuestión teórica nin unha reflexión afastada: é unha prioridade política e social”. Explicou que vivir máis anos é un éxito colectivo, pero que o verdadeiro desafío é conseguir que esa vida sexa vivida con dignidade, dereitos garantidos e con servizos públicos á altura das necesidades.

Puxo en valor a aposta estratéxica do Goberno provincial por un modelo público e de proximidade, “especialmente a través da nosa rede de residencias públicas, que permite que moitas persoas maiores poidan permanecer cerca da súa casa, do seu entorno e da súa xente”. Porque na Deputación “defendemos que os coidados son un dereito, non un privilexio nin un negocio”, e nese sentido, “investir en coidados é investir en cohesión social, igualdade e futuro para o noso territorio”.

Congresos coma este, argumentou o Deputado, “permiten abrir debate sobre cuestións fundamentais, como combater o edadismo, adaptar os servizos á nova realidade demográfica ou como incorporar innovación e avances tecnolóxicos sen perder o trato humano e a proximidade”. Nese sentido sinalou que as administracións “temos a responsabilidade de escoitar, de aprender e de transformar ese coñecemento en políticas concretas que melloren a vida das persoas”.

Este congreso reúne en Lugo a preto de 50 relatores que intercambiarán coñecementos con profesionais e expertos do sector que participarán a través de talleres, mesas redondas e actividades de networking. Unha cita que aberta a profesionais sanitarios, investigadores en envellecemento e ciencias sociais, xestores e responsables de políticas públicas e servizos sociosanitarios e persoas interesadas nos modelos de atención integral. Hoxe abordaron temas como o edadismo, a esperanza de vida, as vacinas, a estimulación cerebral ou as desigualdades.

Mesa redonda sobre as políticas provinciais de apoio á poboación maior

Mañá, a partir das 13:00 horas, as políticas provinciais de apoio á poboación maior no medio rural que impulsa a Deputación de Lugo serán as protagonistas dunha das mesas redondas. Unha oportunidade para a institución provincial de difundir o seu modelo de residencias, centros de pequeno tamaño, asentados no rural da provincia e centrados nas persoas.

Comparte este artigo