A Deputación convida a cidadanía a crear este venres na praza da Peregrina as súas versións de obras da exposición ‘A era das fábulas’ do Museo de Pontevedra

adminON

As persoas que se acheguen entre as 11:00 e as 13:00 h disporán de lenzos para amosar a súa creatividade a partir de cadros de Kandinsky, Manolo Moldes e Inês Zenha

Este venres 30 de agosto a Deputación de Pontevedra saca a exposición  ‘A era das fábulas. A arte e o poder rexenerador da fantasía’ á rúa. Entre as 11:00 e as 13:00 h, as persoas que se acheguen á praza da Peregrina de Pontevedra poderán establecer un diálogo creativo con obras de Vasili Kandinky, Manuel Moldes e Inês Zenha presentes na exposición do Museo de Pontevedra. Trátase dunha actividade aberta a persoas de calquera idade para a que non é necesaria a inscrición previa.

Será a segunda vez que os lenzos saian á rúa para convidar a interactuar artisticamente coas obras desta exposición, que xunta ata o 29 de setembro as coleccións do Museo de Pontevedra, a Fundación María José Jove (FMJJ) e TBA21 Thyssen-Bornemisza Art Contemporary. O pasado 24 de xullo realizouse unha primeira experiencia na praza de Curros Enríquez.

As persoas que se acheguen á praza da Peregrina disporán de lenzos con diferentes materiais de traballo (pinturas ao óleo, pasteis, rotuladores…) e a premisa de completar obras xa iniciadas, imaxinar novas cores para os cadros ou ben reproducilos libremente. As obras das que partirán as persoas participantes son ‘Home na terra’ (1987-1988), de Manuel Moldes; ‘Rampant’ (1934), de Vasili Kandinsky; e unha das pezas que forman o políptico ‘Entanglements I-VI (2003), de Inês Zenha. 

As pezas de ‘A era das fábulas’ establecen unha conversa desde a heteroxeneidade dos fondos das institucións implicadas para, a través da arte, resaltar a forza que a transmisión oral ten na cultura. Comisariada por Susana González, Chus Martínez e Ángeles Tilve, a exposición vira ao redor das narrativas ficcionadas, esenciais para comprender a realidade.

A plasticidade das fábulas e os contos permite preservar identidades culturais e imaxinarios populares, conectar coa natureza e estimular a imaxinación a través de animais, plantas e seres fantásticos, converténdoos en canalizadores de sabedoría. A arte, do mesmo xeito que estes, ofrece a versatilidade para ser reinterpretada e reimaxinada ao longo do tempo, brindando perspectivas sobre a natureza humana, animal e vexetal e respostas imaxinativas a desafíos contemporáneos.

Outras actividades relacionadas

Ata o 26 de setembro o Museo organiza cada xoves, ás 18:00 h, unha visita guiada á exposición ‘A era das fábulas. A arte e o poder rexenerador da fantasía’. As visitas, a cargo do equipo de Educación do Museo de Pontevedra, son de balde e para asistir non é necesaria a inscrición previa. Ademais, é posible concertar visitas para grupos noutro horario escribindo a educacion.museo@depo.gal.

O 25 de setembro, na última semana antes do peche da exposición, celebrarase un seminario con conferencias e mesas redondas ao redor dun dos temas tratados en ‘A era dás fábulas’: a relixiosidade popular, os exvotos e outras ofrendas.

Comparte este artigo