O Concello abre este venres 13 de novembro o prazo de inscrición para participar no Mercado de Nadal, que se celebrará do 4 ao 6 de decembro no Salón de Exposicións
O Rosal comeza a preparar unha nova edición dunha das citas máis especiais destas datas, o Mercado de Nadal, un espazo no que a artesanía, o deseño e os sabores de proximidade serán protagonistas. O Concello abrirá este venres 13 de novembro, ás 09.00 horas, o prazo de inscrición para participar nesta iniciativa, que volverá converter o salón de exposicións municipal nun punto de encontro entre o talento creador e a veciñanza.
O mercado celebrarase os días 4, 5 e 6 de decembro, cun total de 16 postos nos que se poderán atopar propostas de ilustración, fotografía, deseño gráfico, xoguetes, roupa, complementos e outras creacións artesanais, ademais de produtos gastronómicos de elaboración propia como mel, queixos, marmeladas, turróns ou repostería.
O mercado está aberto á participación de asociacións sen ánimo de lucro, persoas artesás, artistas e creadoras, así como produtoras e produtores gastronómicos, co obxectivo de ofrecerlles un espazo no que dar a coñecer o seu traballo, achegar os seus produtos ao público e fomentar un consumo máis próximo, orixinal e consciente.
A alcaldesa do Rosal, Ánxela Fernández Callís, salienta a importancia de aproveitar estas datas para apoiar o pequeno comercio e a produción artesanal. “O Nadal é un momento no que facemos moitos agasallos e queremos convidar a pensar tamén no que hai detrás de cada compra. Escoller unha creación artesanal ou un produto de proximidade é unha maneira de apoiar directamente o talento, o esforzo e a actividade económica da nosa contorna”, sinala.
Pola súa banda, o concelleiro de Comercio, Alejandro González, animou a artesáns, artesás e persoas produtoras a participar nesta nova edición, subliñando que “o mercado permite dar a coñecer pequenos proxectos, chegar a novos públicos e establecer un contacto directo coas persoas consumidoras, algo especialmente valioso para quen desenvolve a súa actividade a pequena escala”.
As persoas interesadas en participar poderán presentar a súa solicitude ata o venres 20 de novembro. O trámite poderá realizarse presencialmente no Rexistro do Concello, en horario de 09.00 a 14.00 horas, ou a través da sede electrónica municipal, ademais das outras vías previstas na normativa administrativa.
A selección das persoas participantes realizarase por rigorosa orde de entrada das solicitudes no Rexistro municipal, cun máximo dun posto por participante. Cada expositor ou expositora deberá encargarse da montaxe e decoración do seu espazo, contribuíndo a crear un ambiente acolledor e acorde coa temática do Nadal.
O Mercado de Nadal abrirá o venres 4 de decembro de 17.00 a 21.00 horas, mentres que o sábado 5 e o domingo 6 poderá visitarse en horario de 11.00 a 14.00 e de 17.00 a 21.00 horas.
As bases completas de participación poden consultarse na web municipal do Concello do Rosal.

