A compañía presenta o seu plan de investimentos aos concellos do Baixo Miño, cunha partida de máis de 400.000 euros para optimizar as liñas eléctricas e mellorar a resposta ante avarías antes de que remate o ano.
Tomiño, O Rosal, Tui e A Guarda trasladaron a UFD a preocupación polos cortes eléctricos e reclamaron melloras no servizo.
Os concellos da Guarda, O Rosal, Tui e Tomiño, integrantes da Mancomunidade Intermunicipal do Baixo Miño, mantiveron unha reunión con representantes de UFD, a distribuidora eléctrica do grupo Naturgy, encabezados polo delegado UFD na provincia de Pontevedra, José Luis Mosquera, para abordar a preocupación dos veciños polos reiterados cortes de subministro eléctrico que se veñen rexistrando na comarca e coñecer as medidas previstas pola compañía para mellorar a calidade e a continuidade do servizo.
O encontro, celebrado no Concello de Tomiño, dá continuidade á reclamación conxunta trasladada recentemente pola Mancomunidade ante a preocupación compartida polos catro municipios. Durante a reunión, os representantes municipais insistiron nas consecuencias que estas interrupcións teñen para a veciñanza e, especialmente, para o tecido empresarial e comercial da comarca, que sofre paralizacións da actividade, avarías e perdas económicas pola falta de estabilidade no subministro. Reclamaron tamén unha comunicación máis áxil e directa para coñecer as causas das incidencias, as zonas afectadas e as previsións de restablecemento do servizo, de maneira que os concellos poidan informar á veciñanza.
Pola súa banda, os representantes de UFD facilitaron información sobre a evolución das interrupcións e presentaron as actuacións incluídas no seu plan de investimentos para o período 2026-2029, orientadas a reforzar as infraestruturas e mellorar a continuidade do subministro. Entre as medidas máis inmediatas, a compañía prevé completar antes de finalizar o ano os traballos de tala e mantemento da vexetación nas liñas de media tensión que discorren por O Rosal, Tomiño e Tui, cun investimento de 275.000 euros, así como instalar nove novos puntos de telecontrol, por valor de 133.000 euros, para facilitar a detección de avarías e a recuperación do servizo.
Un dos principais investimentos anunciados é a construción dunha nova subestación eléctrica en Tomiño, cun orzamento de 6,7 millóns de euros. Esta infraestrutura, actualmente en fase de tramitación, acompañarase doutras actuacións de mellora da rede, entre elas novas conexións vinculadas á subestación e intervencións na contorna do Seixo.
Desde a Mancomunidade valórase a información facilitada pola compañía, pero insístese na necesidade de que os investimentos anunciados se executen nos prazos previstos e se traduzan en melloras reais para a veciñanza e as empresas.
A Mancomunidade manterá un seguimento das actuacións comprometidas por UFD e das incidencias que continúen rexistrándose nos municipios, coa vontade de manter unha interlocución directa coa distribuidora e garantir que as medidas anunciadas dean resposta ás necesidades do Baixo Miño.

