O presidente provincial, Luis Menor, destaca o valor desta iniciativa, que se desenvolverá este domingo nas pistas do Complexo Lúdico Deportivo de Monterrei, para “construír unha sociedade máis xusta, onde todas as persoas teñan as mesmas oportunidades de participación”
A Deputación de Ourense reafirma o seu compromiso co deporte inclusivo apoiando unha nova edición dos Xogos Special Olympics Galicia, que se celebrarán o vindeiro 19 de abril nas pistas do Complexo Lúdico Deportivo de Monterrei.
A presentación oficial desta cita tivo lugar hoxe no Salón de Plenos do Concello do Pereiro de Aguiar, nun acto no que participou o presidente da Deputación de Ourense e alcalde do municipio, Luis Menor, quen puxo en valor o papel destes xogos como “unha ferramenta clave para avanzar na inclusión real das persoas con discapacidade intelectual”. Tamén participaron Francisco González Fraga, concelleiro de Deportes do Concello do Pereiro de Aguiar; Modesto González de Padua, director da asociación As Burgas; Manuel Pérez González, xefe de servizo de Deportes da provincia de Ourense; e Eladio Fernández, presidente de Special Olympics Galicia.
Durante a súa intervención, Menor destacou que os Xogos Special Olympics “representan moito máis que unha competición deportiva, xa que son un espazo de convivencia, superación e visibilidade, no que se pon de manifesto o talento, o esforzo e a ilusión das persoas participantes”.
O presidente provincial subliñou tamén o compromiso da institución provincial co impulso de iniciativas que fomenten a igualdade de oportunidades: “Desde a Deputación de Ourense temos moi claro que o deporte é unha das mellores vías para promover a inclusión social e a participación activa de todas as persoas, sen excepción”.
Luis Menor salientou ademais a importancia da colaboración institucional para facer posible esta cita, promovida pola asociación As Burgas, coa colaboración de FADEMGA Plena Inclusión Galicia, a Consellería de Política Social e Igualdade, a Secretaría Xeral para o Deporte da Xunta de Galicia e a Deputación de Ourense. “Este é un exemplo de que cando as administracións e o tecido asociativo traballan da man, conseguimos iniciativas que realmente transforman vidas”, afirmou.
Os Xogos Special Olympics Galicia reunirán a persoas con discapacidade intelectual de toda a comunidade, nunha xornada na que o deporte será o eixo central, pero tamén un vehículo para fomentar valores como o compañeirismo, a integración e o respecto.
A Deputación de Ourense continúa así a súa aposta polo apoio ao deporte base e inclusivo, entendéndoo como un instrumento fundamental para a mellora da calidade de vida e a cohesión social na provincia.

