A Deputación de Ourense lanzará unha renovada convocatoria de subvencións para obras de reforma de vivendas de persoas maiores de 65 anos

Redacción
Reunión da Xunta de Goberno da Deputación Ourense. Asisten Luis Menor Pérez (Presidente Deputación); Marta Nóvoa Iglesias (VicePresidenta 1ª), César Fernández Gil (VicePresidente 2º), Rosendo Fernández (Deputado PPOU), Jorge Pumar Tesouro (Deputado PPOU), Manuel Seoane Rodríguez (Deputado PPOU); Patricia Torres Madureira (Deputado PPOU), María Teresa Barge Bello (Deputada PPOU), Begoña Álvarez Matos (Representante de Intervención), Adamantino Barreiro García (Vicesecretario da Deputación de Ourense).

A Xunta de Goberno mobiliza máis de 306.000 euros en 10 asuntos, incrementando nun 50% as axudas para adaptación de vivendas de persoas maiores

A nova convocatoria, logo da súa posta en marcha no anterior exercicio, alcanzará os 150.000 euros de orzamento, permitindo así aumentar ata 2.500 euros o importe máximo por beneficiario

Tamén se resolveron as axudas para as Copas Deputación 2026 e as dirixidas a federacións e agrupacións veciñais da provincia

A Xunta de Goberno da Deputación de Ourense aprobou esta semana un total de dez asuntos, mobilizando 306.116 euros en distintas liñas de actuación centradas no benestar das persoas, a cooperación cos concellos, o impulso ao deporte e o apoio ao tecido social da provincia.

Luis Menor, na rolda de prensa posterior á sesión, subliñou que esta Xunta de Goberno “reflicte o compromiso da Deputación cun modelo de provincia baseado na proximidade, na cooperación cos concellos e na mellora da calidade de vida das persoas, especialmente no rural”.

Menor destacou especialmente a aprobación das bases dunha nova convocatoria de axudas para a adaptación de vivendas de persoas maiores de 65 anos, que será publicada no BOP no mes de maio, cun orzamento de 150.000 euros, o que supón un incremento do 50 % respecto á primeira edición deste programa.

Esta liña de axudas, impulsada pola Área de Benestar e iniciada en 2025, permitirá este ano non só ampliar o orzamento, senón tamén incrementar o importe máximo das subvencións, que pasa de 2.000 a 2.500 euros por persoa beneficiaria

Tal e como lembrou Menor, na súa primeira edición destas axudas atendéronse o 100 % das solicitudes e beneficiáronse 55 persoas en 35 concellos

Explicou tamén que o obxectivo da convocatoria é facilitar que as persoas maiores poidan seguir vivindo na súa casa en condicións de seguridade, autonomía e dignidade, mantendo ao mesmo tempo os seus vínculos sociais e familiares.

Poderán beneficiarse destas axudas: persoas maiores de 65 anos que estean empadroadas en concellos de menos de 20.000 habitantes, deben ser propietarias, usufrutuarias ou arrendatarias da súa vivenda habitual e cun nivel de renda inferior a tres veces o IPREM

Actuacións para mellorar a calidade de vida

As axudas están destinadas a actuacións que permitan mellorar as condicións de habitabilidade e accesibilidade das vivendas, entre elas: a eliminación de humidades e mellora de pavimentos; a adecuación de instalacións de auga, gas, electricidade ou calefacción, ou a instalación de sistemas de seguridade.

Tamén inclúen actuacións clave para a accesibilidade, como son a substitución de bañeiras por pratos de ducha; a adaptación de baños e eliminación de barreiras; a ampliación de portas ou eliminación de desniveis. E tamén contemplan estas axudas a adquisición de equipamento técnico como camas articuladas, cadeiras especiais ou asentos de ducha; e sistemas de mobilización ou apoio

As solicitudes poderán presentarse durante un prazo dun mes, a partires da semana seguinte á súa publicación do BOP, e as axudas concederanse por orde de entrada ata esgotar o crédito dispoñible

Impulso ao deporte en toda a provincia

No ámbito deportivo, a Xunta de Goberno aprobou tamén a resolución das subvencións das Copas Deputación 2026, cun investimento total de 88.116 euros repartidos en 28 axudas.

Estas subvencións permitirán a organización de competicións en múltiples disciplinas deportivas, desde atletismo, natación, voleibol ou ciclismo ata outras como kung-fu, escalada, boxeo, halterofilia ou pickleball, contribuíndo a dinamizar o territorio e a promover valores como o esforzo e o compañeirismo.

Cooperación municipal e mellora de servizos

A sesión inclúe tamén distintas modificacións do Plan provincial de cooperación ás obras e servizos municipais, que afectan aos concellos de Allariz, Rairiz de Veiga, Taboadela e Verea.

Ademais, aprobáronse investimentos concretos para actuacións en Parada de Sil, Viana do Bolo e Xunqueira de Ambía, centradas na mellora de infraestruturas e servizos básicos.

Apoio ao tecido social e veciñal da provincia

No ámbito social, a Deputación resolveu a convocatoria de axudas para o funcionamento das federacións e agrupacións de asociacións veciñais, cun importe total de 43.000 euros, distribuídos entre tres entidades representativas do movemento veciñal ourensán.

Estas axudas permiten reforzar o papel das asociacións como elementos clave para a participación cidadá, a dinamización social e a cohesión territorial, especialmente nos concellos do rural.

Comparte este artigo