A Deputación de Ourense mobiliza 1,77 millóns de euros nunha Xunta de Goberno marcada polo impulso ao Plan Provincial de Vivenda

Redacción
Lectura mínima de 5
ROLDA DE PRENSA O presidente provincial, Luis Menor, ofrece unha rolda de prensa para dar conta dos asuntos aprobados en Xunta de goberno.

A institución provincial vén de aprobar as bases dunha nova convocatoria de axudas dotada con 1,2 millóns de euros, máis do dobre que o pasado ano, para facilitar o acceso á vivenda no rural

A Xunta de Goberno aprobou tamén actuacións de cooperación municipal por un importe total de 310.000 euros, destinadas a mellorar infraestruturas e servizos en distintos concellos da provincia

A Xunta de Goberno da Deputación de Ourense aprobou na súa sesión desta semana un conxunto de acordos que mobilizan un total de 1.770.000 euros, cun protagonismo destacado para o Plan Provincial de Vivenda, unha das liñas estratéxicas do actual mandato orientada a afrontar o reto demográfico e favorecer a fixación de poboación no territorio.

O presidente provincial, Luis Menor, salientou que “esta Xunta de Goberno combina unha visión estratéxica, con políticas estruturais como o Plan de Vivenda, cunha acción directa sobre o territorio a través da cooperación municipal e o apoio ao tecido social”.

A Xunta de Goberno reflicte, segundo destacou o presidente provincial, “un modelo de provincia baseado na combinación de políticas estratéxicas, cooperación cos concellos e apoio ao tecido social e cultural”.

“Seguimos traballando para construír unha provincia con máis oportunidades, máis equilibrio territorial e máis futuro”, afirmou.

O principal acordo da sesión foi, deste xeito, a aprobación das bases da nova convocatoria do Plan Provincial de Vivenda, cun investimento de 1.200.000 euros, máis do dobre que o pasado ano.

Esta liña de axudas, dirixida a concellos de menos de 20.000 habitantes, permitirá financiar actuacións de adquisición, rehabilitación e mellora de vivendas destinadas ao alugueiro residencial, co obxectivo de incrementar o parque público e facilitar o acceso á vivenda no rural.

Esta nova convocatoria dá continuidade á primeira edición do programa, resolta o pasado mes de marzo, que mobilizou 500.000 euros en 14 concellos da provincia, permitindo avanzar na creación de novas oportunidades de residencia en municipios do rural.

“Sen vivenda non hai fixación de poboación, e por iso este plan é unha prioridade absoluta para a Deputación”, subliñou Menor.

310.000 euros para cooperación municipal en actuacións directas

A Xunta de Goberno aprobou tamén actuacións de cooperación municipal por un importe total de 310.000 euros, destinadas a mellorar infraestruturas e servizos en distintos concellos da provincia.

Entre as actuacións destacan: Larouco, para a estabilización dunha edificación (100.000 €); Laza, para a urbanización do entorno da residencia de maiores (35.000 €); Pereiro de Aguiar, para actuacións de eficiencia enerxética (50.000 €); San Cristovo de Cea, para a mellora dun parque infantil (40.000 €); Viana do Bolo, destinando a actuacións de mellora urbana (15.000 €): Vilamarín, para mellora da capa de rodadura (40.000 €); e Vilar de Santos, para a humanización de espazo público (30.000 €).

Ademais, aprobáronse modificacións do Plan provincial de cooperación, a petición dos municipios de Xunqueira de Espadanedo, Padrenda, Bande e Carballeda de Valdeorras para adaptar actuacións ás necesidades reais dos concellos.

Aposta pola modernización municipal

A Deputación aprobou tamén unha liña de 100.000 euros destinada á elaboración de cartografía dixital dos rueiros municipais en concellos de menos de 5.000 habitantes.

Esta iniciativa permitirá mellorar a organización territorial, a identificación de vivendas e a prestación de servizos básicos, facilitando cuestións como a localización de direccións ou a resposta ante emerxencias.

100.000 euros para reforzar o movemento veciñal

No ámbito social, a Xunta de Goberno deu luz verde a unha nova convocatoria de 100.000 euros para asociacións veciñais, destinada a financiar investimentos en locais sociais, equipamento e melloras en infraestruturas comunitarias.

Trátase dunha liña impulsada neste mandato, que pasou de 30.000 euros en 2024 a 100.000 euros en 2025, consolidándose agora como unha ferramenta estable de apoio ao tecido asociativo.

“As asociacións veciñais son fundamentais para manter vivos os nosos pobos e fortalecer a cohesión social”, destacou o presidente.

60.000 euros para festivais e actividades culturais

A sesión completouse coa aprobación dunha convocatoria de 60.000 euros para festivais, ciclos e actividades culturais, dirixida a entidades públicas e privadas.

Estas axudas poderán cubrir ata o 70% do custo dos proxectos, cun máximo de 20.000 euros por iniciativa, co obxectivo de impulsar a programación cultural ao longo de todo o ano na provincia.

“A cultura tamén é un factor clave para dinamizar o territorio e xerar oportunidades”, sinalou Menor.

Comparte este artigo