A deputada provincial Isabel Couselo reuniuse co alcalde de Crecente, Julio César García-Luengo, para analizar as necesidades do goberno local en canto ao treito antigo desta estrada provincial no que está previsto que actúe a Deputación de Pontevedra
Está xa en fase de contratación a senda peonil de máis de 550 metros que se vai executar na mesma estrada provincial, cun investimento de 245.000 euros
A Deputación de Pontevedra incorporará as demandas do Concello de Crecente no proxecto de mellora da estrada provincial EP-5005 A Cañiza-Pousa ao seu paso polo núcleo urbano desta vila. A deputada de Infraestruturas Públicas, Mobilidade e Contratación, Isabel Couselo, reuniuse co alcalde de Crecente, Julio César García-Luengo, para analizar as necesidades do goberno local en canto a un tramo de case 1.300 metros do treito antigo desta estrada provincial no que está previsto que actúe a Deputación de Pontevedra.
Nestes momentos o treito antigo da EP-5005 A Cañiza-Pousa presenta numerosas carencias en canto a seguridade e mobilidade. Deste xeito, tal e como asegurou a deputada provincial Isabel Couselo, “o proxecto que vai redactar a Deputación pretende corrixir esas deficiencias e deixar a estrada á altura das demandas do século XXI, para que Crecente poida ter unha vía accesible, renovada e con todas as garantías de seguridade e mobilidade”. Couselo tamén recordou que o proxecto de modernización da estrada provincial EP-5005 A Cañiza-Pousa ao seu paso por Crecente é unha das grandes prioridades do goberno local. Por estes motivos a xuntanza con García-Luengo serviu para detectar as demandas de mellora do concello para redactar un proxecto de actuación na estrada provincial que dea respostas ás necesidades da vila.
Ademais, na xuntanza, a deputada avanzou que está xa en fase de contratación a senda peonil de máis de 550 metros que se vai executar nesta mesma estrada provincial, cun investimento de 245.000 euros en colaboración co Concello de Crecente. Trátase dun proxecto de mellora da mobilidade peonil anunciado polo presidente da Deputación Luis López a finais de setembro e que ten xa os trámites administrativos en marcha para que o máis pronto posible poida realizarse esta actuación entre os puntos quilométricos 11+980 e 12+550, que unen as localidades de Ponte Ribadil e Crecente. Ademais da construción da senda peonil, de 2,5 metros de ancho pola marxe esquerda da vía, o proxecto contempla a instalación de pasos de peóns sobreelevados e a mellora da sinalización horizontal e vertical ao longo de todo o treito.