A Deputación destaca “o compromiso co rural de Roberto Fernández”, pregoeiro da Feira de San Cidre da Milagrosa  

Redacción

– O Deputado Miguel Fernández Méndez asistiu este venres a esta cita que conta co apoio da institución provincial e que arrancou co pregón Alcalde de Ribeira de Piquín e Presidente da Fundación TerrEo

O Deputado de Formación, Ensino e Economía do Coñecemento, Miguel Fernández, asistiu este venres ao pregón da tradicional Feira de Produtos do Campo e Artesanía de San Isidro, que se celebrará esta fin de semana na contorna da praza da Milagrosa co apoio da Deputación de Lugo. O acto inaugural desta  29º edición da feira contou co pregón do Alcalde de Ribeira de Piquín e Presidente da Fundación TerrEo, Roberto Fernández Rico.

Miguel Fernández puxo en valor a figura do pregoeiro, ao que definiu como “un rexedor profundamente comprometido co seu territorio, que entende a política desde a proximidade e o contacto directo coa veciñanza”, e destacou que o seu labor “é un exemplo de como o rural pode ser motor de oportunidades cando existen proxectos, visión e implicación real”.

O Deputado subliñou tamén distintas iniciativas desenvolvidas no municipio de Ribeira de Piquín, como a posta en marcha de proxectos produtivos, a recuperación de servizos básicos e a posta en valor do patrimonio cultural e dos espazos sociais, elementos que considerou fundamentais “para fixar poboación e mellorar a calidade de vida no rural”.

Así mesmo, puxo en valor o papel das festas populares como espazos de convivencia e identidade colectiva, sinalando que “as celebracións dos barrios e das parroquias son moito máis ca unha festa: son memoria, son comunidade e tamén son futuro”. Engadiu ademais que “conservar o patrimonio non é mirar ao pasado, senón construír identidade e futuro”, destacando a importancia de crear espazos de encontro que reforcen o tecido social.

Gastronomía, música e tradición ata o domingo

A Feira de San Cidre da Milagrosa desenvolverase ata o domingo cunha ampla programación gastronómica, musical e cultural, consolidándose como unha das citas máis relevantes do calendario festivo de Lugo e como punto de encontro entre veciñanza, produtores e visitantes.

A programación inclúe a festa gastronómica da mazá asada, a XXV Festa do Becerro ao espeto mañá sábado e unha degustación de produtos da provincia con reparto de centos de lotes de queixos o domingo. Durante os tres días, a música tradicional e as charangas amenizarán a celebración.

Comparte este artigo