A Deputación destina 280.000 € a dotar de persoal as 32 oficinas de turismo da Rede Info Rías Baixas

adminON
Lectura mínima de 2

As entidades disporán de axudas de entre 7.000 € ou 14.000 €, no caso dos municipios turísticos, para prestar os servizos de información e atención aos visitantes

A Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra acaba de aprobar destinar 280.000€ á prestación dos servizos de información e atención aos visitantes nas 32 oficinas de turismo adheridas á Rede Info Rías Baixas. Trátase, como explicou o presidente provincial, Luis López, “dunhas axudas que buscan colaborar no fomento do turismo e na profesionalización do sector na provincia”.

A través destas achegas poderán financiarse tanto os custos salariais de persoas empregadas públicas que presten servizos de atención ao público como os derivados da contratación do servizo. Entre os requisitos, destaca que as persoas contratadas deben ser diplomadas en Turismo, ter o ciclo de formación Profesional en Guía, Información e Asistencias Turísticas ou en Comercialización Turística e Guía, ou contar co certificado de profesionalidade e promoción turística local e información ao visitante.

O importe máximo da subvención para cada unha das entidades solicitantes non poderá exceder o 75% do seu orzamento nin superar os 7.000 euros no caso de que se subvencionen os custos derivados da contratación dunha persoa informadora nas oficinas de turismo. Nos concellos declarados como “municipio turístico”, poderán dispor de dúas persoas informadoras, e o importe máximo da subvención ascenderá aos 14.000 euros. O prazo de presentación das solicitudes será dun mes, contado a partir do día seguinte ó da publicación das axudas no BOPPO.

Comparte este artigo