“Este é un goberno comprometido co deporte e avanza, de xeito imparable, para converter Pontevedra na provincia do deporte”, remarcou o presidente da Deputación Luis López
Ata 76 entidades de 24 concellos da provincia benefícianse desta liña de axudas do organismo provincial dotada con 900.000 €
A Deputación destinará 55.000 euros a tres clubs deportivos de Bueu e Cangas que participan en competicións oficiais de ámbito estatal. En liñas xerais, son 76 as entidades de 24 concellos da provincia que se benefician desta liña de axudas do organismo provincial dotada con 900.000 €. “Este é un goberno comprometido co deporte e avanza, de xeito imparable, para converter Pontevedra na provincia do deporte”, remarcou o presidente da Deputación Luis López.
Na comarca do Morrazo benefícianse destas axudas provinciais o Club Atlético Balonmán de Bueu e os clubs Alondras e Luceros de Cangas do Morrazo. Estas entidades, que representan modalidades deportivas como o balonmán e o fútbol e teñen unha longa traxectoria en ambas localidades, recibirán contías que oscilan entre os 15.000 e os 25.000 euros.
Nesta semana, a Deputación de Pontevedra aprobou axudas para o deporte por valor de preto de 1,5 millóns de euros dirixidas tanto aos clubs que participan en competicións oficiais de ámbito estatal como a aquelas entidades deportivas que organizan eventos e competicións. Neste último caso, ata 153 clubs deportivos recibirán este ano 550.000 €, 50.000 € máis que o pasado ano, para organizar competicións deportivas federadas oficiais de todos os ámbitos territoriais.



