HomeO SalnésA Illa de ArousaA Deputación destinará máis de 150.000 euros á Illa de Arousa para...

A Deputación destinará máis de 150.000 euros á Illa de Arousa para financiar o reacondicionamento das Casas dos Mestres do CEIP Torre-Illa

- Anuncio -spot_img

O deputado provincial Marcos Guisasola visitou hoxe o concello para anunciar que esta actuación será financiada ao 100% con recursos do Plan +Provincia que serán aprobados na Xunta de Goberno deste venres

O deputado provincial Marcos Guisasola visitou este xoves A Illa de Arousa, onde anunciou que a Deputación de Pontevedra se encargará de financiar integramente as obras de reacondicionamento das coñecidas como as Casas dos Mestres do CEIP Torre-Illa. A Xunta de Goberno aprobará este venres unha achega de máis de 150.000 euros para impulsar esta actuación con recursos procedentes do Plan +Provincia. Nesta anualidade, o programa provincial destina á vila un total de 497.179 euros e, no caso da liña 1 de investimentos, máis de 348.000 €.

O deputado deu conta dos traballos que se van realizar na Illa de Arousa cos recursos provinciais, que permitirán que estes inmobles actualmente en desuso poidan acoller novos usos complementarios ao centro educativo. O andar baixo, que será o principal transformado polas obras, acollerá un comedor escolar do que carece o centro na actualidade, e o espazo tamén contará con áreas para o uso da comunidade educativa e a ANPA do centro onde se poderán realizar actividades, obradoiros ou albergar a ludoteca de verán.

A intervención resolverá as deficiencias construtivas, mellorará o comportamento enerxético e a habitabilidade das edificacións, ademais de adaptar os espazos ás novas necesidades funcionais do centro. Reforzaranse os elementos estruturais (mantendo a cimentación e os muros de carga), mellorarase a envolvente térmica e a acústica da cuberta e as fachadas, substituiranse as carpinterías, demoleranse os tabiques interiores, renovaranse as instalacións coa previsión de instalar aerotermia no futuro, executaranse novos aseos e conectaranse interiormente as vivendas para conseguir un espazo continuo. No andar superior unicamente se demolerán os tabiques interiores e a intervención completa terá lugar unha fase posterior.

Marcos Guisasola puxo en valor que o Plan +Provincia “define perfectamente o modelo de actuación deste goberno provincial, que implica un gran compromiso cos concellos para dar resposta ás súas demandas”. O deputado tamén incidiu en que, con actuacións como a que vai desenvolver A Illa de Arousa cos fondos provinciais, “estamos a impulsar o avance e modernización da provincia de Pontevedra a través de proxectos transformadores que melloran a calidade de vida da veciñanza e facilitan a conciliación familiar”.

Publicacións Relacionadas