– O deputado de Promoción Económica e Social e o presidente da Federación de Comercio de Lugo deron a coñecer esta iniciativa, que apoia a institución provincial, e na que se poderá participar tras realizar compras superiores aos 10 de euros
– Os tíckets deberán rexistrarse en www.sorteocomercio.es/coche ata o 30 de novembro
O deputado de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera Capón, e o presidente da Federación de Comercio de Lugo, José María Seijas López, presentaron este luns na Praza de San Marcos O Gran Sorteo do Pequeno Comercio de Lugo, unha campaña que ten como principal atractivo o sorteo dun vehículo híbrido. O coche, que se deu a coñecer durante o acto de presentación, permanecerá exposto na praza ao longo de toda esta semana.
A campaña desenvolverase desde hoxe ata o 30 de novembro, co obxectivo de incentivar o consumo nunha época especialmente complicada para o comercio minorista, unha vez rematadas as campañas da volta ao cole e antes do inicio dos grandes gastos do Nadal. Para participar, os consumidores deberán realizar unha compra por un importe igual ou superior a 10 euros nun establecemento de comercio de proximidade da provincia de Lugo e rexistrar o tícket na web habilitada www.sorteocomercio.es/coche .
O sorteo do vehículo híbrido celebrarase, ante notario, o 3 de decembro no Pazo de San Marcos e posteriormente farase un acto de entrega do premio na Praza de San Marcos de Lugo.
Co obxectivo de dar a coñecer a campaña no conxunto da provincia e fomentar a participación da cidadanía, o vehículo que se sortea desprazarase a diferentes concellos lucenses nas próximas semanas. En concreto, estará en Burela o 29 de outubro, en Sarria o 5 de novembro, en Vilalba o 12 de novembro e en Monforte de Lemos o 26 de novembro.
Durante o acto de presentación, ao que tamén asistiu o deputado provincial Miguel Fernández, Rivera Capón destacou o carácter “diferencial e innovador” desta iniciativa, coa que se busca captar a atención dos consumidores.
“Levamos moito tempo falando das dificultades que supón emprender, abrir un negocio e garantir o relevo xeracional. Dende a Deputación de Lugo levamos moitos anos achegando o noso gran de area para apoiar o comercio e o emprendemento, e creo que hoxe damos un paso máis e culminamos ese traballo coa posta en marcha deste proxecto”, sinalou.
Pola súa banda, Seijas recordou que “tanto a Deputación como a Federación estamos sempre traballando no constante reto de fortalecer o tecido local, potenciar a economía da provincia e incentivar a sensibilización e participación dos consumidores. O Gran Sorteo do Comercio de Lugo busca isto nun momento económico tan marcado polo imparable costo de vida e a súa repercusión na economía da familia”.

