O Partido Popular confía a Teresa García Paradelo o liderado da candidatura no Barco de Valdeorras

Redacción

·      A candidata á alcaldía aposta por un cambio ante a “falta de planificación e ambición”, buscando construír un equipo plural “para que O Barco avance e ocupe o lugar que merece” 

·      O presidente provincial, Luis Menor, destaca o seu perfil conciliador e a súa capacidade de xestión, sinalando que a súa candidatura é unha oportunidade “para impulsar unha nova etapa” no municipio 

Teresa García Paradelo será a candidata á alcaldía do Barco de Valdeorras polo Partido Popular nas eleccións municipais de maio de 2027. A nova cabeza de lista, que se define como “barquense e valdeorresa”, asume o reto “con total compromiso e responsabilidade”, convencida de que a súa experiencia e coñecemento da comarca poden ser útiles nesta nova andaina.

“Pasei pola empresa privada, fun autónoma, creei e dirixín a miña propia empresa, xestionei unha asociación empresarial e actualmente traballo na Administración”, un percorrido que, segundo explica, lle permitiu coñecer os problemas e as oportunidades desde diferentes perspectivas e pór en marcha proxectos.

No seu diagnóstico sobre a situación actual do municipio, a candidata popular considera que “durante demasiado tempo faltaron planificación, ambición e unha visión clara de futuro”. Con todo, a súa postura é construtiva: “Non quero limitarme a sinalar o que non funciona; quero contribuír a cambialo”. A súa máxima motivación, engade, é a posibilidade de construír un proxecto “pensado desde aquí e para a xente de aquí”, co fin de mellorar o día a día da veciñanza.

Para levar a cabo esa transformación, a candidata do PP ten claro que “isto non pode facelo unha soa persoa”, de aí que a súa prioridade sexa reunir un “gran equipo, con persoas preparadas, comprometidas e con diferentes perfís”, unidos polo obxectivo común de traballar polos veciños e lograr que a vila avance”.  

LUIS MENOR: “ESTAMOS ANTE UNHA OPORTUNIDADE PARA IMPULSAR UNHA NOVA ETAPA”

Pola súa banda, o presidente provincial do PP expresou a súa total convicción de que “O Barco merece moito máis”, subliñando que a elección da candidata representa unha oportunidade idónea para iniciar unha nova etapa política no municipio.

O líder provincial valorou profundamente o coñecemento que a candidata ten da vila e da comarca, tanto das súas fortalezas como das súas debilidades. Ademais de destacar que a cabeza de lista achegará “experiencia, capacidade de xestión e moitísimo traballo”, definiuna como unha persoa “conciliadora, afeita a escoitar, buscar puntos de encontro e atopar solucións”.

TRAXECTORIA VINCULADA AO MUNDO EMPRESARIAL E FORMACIÓN

Teresa García Paradelo (O Barco, 1973) é licenciada en Economía e conta cunha ampla experiencia en dirección de organizacións, xestión de proxectos e desenvolvemento empresarial. Foi xerente da Asociación Empresarial de Valdeorras (AEVA), ademais de fundadora e directora dunha empresa propia de formación e consultaría.

Comparte este artigo