A Deputación, en colaboración coa Universidade de Vigo e co Museo do Pobo Galego, impulsan un programa para dinamizar os espazos expositivos e etnolóxicos na provincia

Redacción
Lectura mínima de 6
PRESENTACIÓN ACTIVIDADES DE DINAMIZACIÓN DE ESPAZOS EXPOSITIVOS ETNOGRÁFICOS E ETNOLÓXICOS vicepresidente segundo e deputado de Cultura, César Fernández, participa na rolda de prensa de presentación das actividades de dinamización de espazos expositivos etnográficos e etnolóxicos da provincia de Ourense. Tamén participan Fátima Braña Rey (Organizadora das Xornadas) e Xavier Alvarez Campos (Centro de Cultura Popular Xaquin Lorenzo).

Este proxecto, baixo o título “Cada vimbio conta: coñecernos para conectarnos”, desenvolverase do 5 ao 21 de maio en dúas xornadas técnicas e catro actividades distribuídas por distintos puntos da provincia: Ribadavia, Allariz, San Cristovo de Cea, Quintela de Leirado e A Pobra de Trives

Nas xornadas participarán relatores de recoñecido prestixio no ámbito da xestión museístico e do traballo en rede para achegar as súas experiencias e perspectivas externas que enriquezan o proceso, e tamén participarán persoas que traballan en espazos museísticos da provincia para identificar boas prácticas e detectar as necesidades compartidas

Esta fase busca activar relacións entre os centros e sentar as bases para futuras políticas culturais máis coordinadas, sostibles e adaptadas á realidade do territorio, reforzando o papel dos espazos museísticos como axentes clave na dinamización cultural da provincia de Ourense

A Deputación de Ourense, a través do CCP Xaquín Lorenzo-Escola de Danza, en colaboración coa Área de Antropoloxía Social da Universidade de Vigo-Campus de Ourense e o Museo do Pobo Galego impulsan un programa de dinamización dos Espazos Expositivos Etnográficos e Etnolóxicos da provincia de Ourense.

Trátase dun programa pioneiro que sitúa á provincia de Ourense á vangarda galega na museoloxía etnolóxica e responde a unha necesidade urxente de poñer en valore conservar o noso patrimonio cultural, explicou o vicepresidente segundo da Deputación e deputado de Cultura, César Fernández, hoxe na presentación desta iniciativa que tivo lugar no Pazo Provincial, na que tamén participou Fátima Braña da área de Antropoloxía Social da UVigo-Campus de Ourense; e de Xavier Álvarez, técnico do CCP Xaquín Lorenzo.

César Fernández destacou a importancia de que as institucións incentiven á cidadanía a reflexionar sobre este tipo de espazos para poder enchelos de actividade e explicou que este programa forma parte dese obxectivo que se persegue desde a Deputación de crear, xunto a Universidade de Vigo, unha rede que “dea amparo a estes espazos expositivos e etnolóxicos para que sexa o instrumento de traballo que nos permita actuar de xeito coordinado para dotar de contido e actividade aos centros que temos na provincia”.

Este proxecto, baixo o título “Cada vimbio conta: coñecernos para conectarnos”, desenvolverase do 5 ao 21 de maio en dúas xornadas técnicas e catro actividades distribuídas por distintos puntos da provincia: Ribadavia, Allariz, San Cristovo de Cea, Quintela de Leirado e A Pobra de Trives.

O obxectivo é facilitar o coñecemento mutuo entre os máis de 70 espazos museísticos identificados na provincia de Ourense para promover dinámicas de colaboración. Estas sesións combinan relatorios de profesionais de referencia, con espazos de traballo participativo entre as persoas responsables e traballadoras dos propios espazos.

Entre os relatores convidados destacan figuras de recoñecido prestixio no ámbito da xestión museística e do traballo en rede, Juaco López Álvarez (Museo del Pueblo de Asturias), Jordi Abella (Ecomuseu de les Valls d’Àneu) ou Luis Grau Lobo (Museo de León e ICOM España [Consejo Internacional de Museos]). As súas intervencións permitirán incorporar experiencias consolidadas e perspectivas externas que contribúan a enriquecer o proceso.

O eixo central do programa non reside unicamente nestas achegas expertas, senón tamén —e especialmente— na participación directa das persoas que traballan no día a día dos espazos museísticos da provincia: responsables de centros, persoal técnico e equipos que sosteñen e desenvolven estes proxectos culturais no territorio. A través de presentacións, dinámicas de grupo e espazos de posta en común, búscase dar valor ás súas experiencias, identificar boas prácticas e detectar necesidades compartidas.

O programa pon o acento en dúas ideas fundamentais: coñecerse e escoitarse. Coñecerse para facer visible unha realidade que, a miúdo, permanece fragmentada; escoitarse para comprender as diferentes situacións, contextos e retos aos que se enfrontan os centros. Só a partir deste recoñecemento mutuo é posible mellorar a xestión baseada na colaboración e na confianza.

“Cada vimbio conta” funciona así como unha metáfora do propio proceso: cada espazo, cada profesional, cada experiencia suma na construción dun trenzado común. Unha rede que non se impón, senón que se crea colectivamente, a partir do diálogo, da práctica compartida e da vontade de cooperar ata conformar un cesto común que acolle a diversidade de cada espazo, sen perder as súas singularidades.

Esta fase busca activar relacións entre os centros e sentar as bases para futuras políticas culturais máis coordinadas, sostibles e adaptadas á realidade do territorio, reforzando o papel dos espazos museísticos como axentes clave na dinamización cultural da provincia de Ourense.

Comparte este artigo