A Deputación finaliza o dispositivo especial de apoio ao proceso extraordinario de regularización de persoas migrantes tras atender a preto de 200 persoas

Redacción

A área de Benestar mantivo desde o 14 de maio un servizo específico de atención con seis profesionais do departamento, en coordinación con entidades sociais do terceiro sector.

Preto do 20% das persoas atendidas formaban parte de unidades familiares con menores a cargo. As nacionalidades con maior presenza foron Venezuela, Colombia, Guinea, Perú, Marrocos e Ghana

O perfil maioritario das persoas atendidas foi o de mozos, cunha idade media de 35 anos. Case na súa totalidade levaban máis dun ano residindo en España

A Deputación de Ourense, a través da Área de Benestar, finalizou hoxe o dispositivo especial habilitado como reforzo e coordinación coas entidades do terceiro sector da provincia para a atención urxente ás persoas migrantes, ante o proceso extraordinario de regularización aberto polo Goberno central.

Desde o día 14 de maio e ata hoxe, 30 de xuño, a institución provincial mantivo aberto un servizo de apoio de luns a xoves, en horario de tarde, atendido por un equipo de seis profesionais da área de Benestar. O obxectivo foi reforzar a capacidade de resposta ante un proceso administrativo de especial transcendencia social, ofrecendo información, orientación, apoio técnico e colaboración na revisión e comprobación da documentación necesaria.

Durante este período foron atendidas preto de 200 persoas, o que permitiu obter unha aproximación directa á realidade social, familiar e laboral de quen acudiu a solicitar apoio. Entre as persoas atendidas, aproximadamente un 20% formaban parte de unidades familiares con menores a cargo, escolarizados en centros da provincia nos supostos nos que concorría esta circunstancia.

As nacionalidades con maior presenza foron Venezuela, Colombia, Guinea, Perú, Marrocos e Ghana. No caso das persoas de nacionalidade venezolana, unha parte moi significativa correspondíase con solicitantes de protección internacional, o que evidencia a diversidade de situacións administrativas e persoais que confluíron neste proceso.

O perfil maioritario das persoas atendidas foi o de mozos, cunha idade media de 35 anos. Case na súa totalidade levaban máis dun ano residindo en España, aínda que a esixencia normativa mínima vinculada o proceso situábase en cinco meses de permanencia ininterrompida con anterioridade á data establecida pola regulación aplicable. Así mesmo, as persoas atendidas achegaban certificados de antecedentes penais en regra e manifestaban a súa vontade de traballar por conta allea.

Compromisos de contratación

Un dos elementos máis relevantes observados neste dispositivo foi a clara orientación sociolaboral das persoas atendidas. Unha alta porcentaxe contaba con compromiso de contratación en caso de obter a regularización, e moitas delas desenvolveran previamente itinerarios sociolaborais en colaboración con entidades sociais, servizos de acompañamento ou recursos de inserción.

Desde a área de Benestar sublíñase que estes datos permiten contextualizar o alcance real do plan, máis aló da atención puntual. A intervención puxo de manifesto a existencia de persoas xa asentadas na provincia, con vínculos familiares, escolares, sociais e laborais, e cunha vontade expresa de incorporación regular ao mercado de traballo.

Este dispositivo desenvolveuse, ademais, desde unha liña de colaboración con entidades do terceiro sector que traballan habitualmente co colectivo migrante, especialmente vinculadas os procesos de información, acompañamento e apoio en materia de estranxeiría. Esta colaboración resultou especialmente relevante no caso daquelas entidades que actuaban como entidades colaboradoras do Ministerio, permitindo articular unha resposta máis rápida, eficaz e segura.

Modelo a aplicar noutros ámbitos de intervención social

Así mesmo, a experiencia desenvolvida durante este proceso pon de manifesto a importancia de consolidar espazos estables de colaboración público-social en provincias como Ourense, onde a cooperación entre administracións públicas, servizos sociais municipais e entidades do terceiro sector resulta especialmente útil para ofrecer respostas próximas, áxiles, coordinadas e con certeza xurídica.

A Deputación considera que este modelo de traballo, baseado na coordinación técnica, a definición de protocolos comúns e a colaboración con entidades especializadas, pode servir como punto de partida para futuras actuacións noutros ámbitos de intervención social, especialmente cando sexa necesario dar resposta a situacións que requiran proximidade, capacidade de reacción e acompañamento administrativo.

Comparte este artigo