– A institución provincial continúa avanzando no acondicionamento desta vía, de titularidade provincial, que dá acceso á zona sur do Campus e a instalacións deportivas. A totalidade do proxecto ascende a preto de 100.000€
– Carmela López recordou que “esta intervención responde a un compromiso que adquirimos co anterior Alcalde, Miguel Fernández, co obxectivo de colaborar na construción dunha cidade máis sostible, accesible e moderna”
– Unha vez rematados os traballos de repavimentación procederase ao repintado da estrada, e a instalación da sinalización vertical necesaria. Tamén se vai repintar a zona do aparcamento e colocaranse pasos de peóns elevados
A Deputación de Lugo vén de iniciar este martes a repavimentación do firme da Rúa Filarmónica de Lugo co estendido do aglomerado en quente. Continúan así os traballos de acondicionamento desta vía, de titularidade provincial, que dá acceso a múltiples instalacións deportivas e á zona sur do Campus Lucense da USC. A institución provincial inviste preto de 100.000€ para a mellora desta zona que, ademais, soporta un importante tráfico diario.
Carmela López recordou que “esta intervención responde a un compromiso que adquirimos co anterior Alcalde, Miguel Fernández, co obxectivo de colaborar na construción dunha cidade máis sostible, accesible e moderna”.
Avanzou tamén que “estas obras son moi necesarias para reforzar a accesibilidade e incrementar a seguridade viaria nesta arteria con elevada afluencia de peóns, especialmente de seguidores do Ensino e do Breogán procedentes de Lugo, pero tamén de todo o conxunto da provincia”. Nese sentido, sinalou a mandataria provincial que “o prazo de execución destes traballos é de catro meses e unha vez rematados este será un espazo máis seguro, accesible e funcional para todos os usuarios e usuarias”.
Ovisa Pavimentos y Obras SLU é a empresa encargada de executar o proxecto que afecta a un treito de 540 metros. O estendido do aglomerado realizarase durante a xornada de hoxe e mañá, e, posteriormente, procederase ao repintado da vía mediante marcas reflexivas brancas e á reposición da sinalización vertical necesaria. Ademais, tamén se vai repintar a zona de aparcamento, ao carón do Pazo dos Deportes, e instalaranse pasos de peóns elevados.
Outros investimentos en Lugo
A Presidenta lembrou tamén investimentos recentes coa capital de provincia como o desdobramento da Avenida Infanta Elena, que contou con 2,4M€ de fondos provinciais; a rehabilitación da estrada que conecta o municipio lucense con Ponte de Ombreiro, a LU-P-2902, con máis de 210.000€; ou o proxecto que se está levando a cabo para acometer a renovación integral da Avenida Adolfo Suárez, un dos principais accesos á capital lucense pola zona da Fervedoira, e onde a institución provincial inviste nesta primeira fase máis de 170.000€.

