A Deputación investiu en Arousa preto de 750.000 euros a través do Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas

adminON
Lectura mínima de 4

Luis López salientou o plan, no que se financiaron 14 proxectos na zona, como un reflexo da aposta da Deputación polo municipalismo e o deporte

A Deputación de Pontevedra investiu na zona de Arousa preto de 750.000 euros a través do Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas, con achegas aprobadas para once concellos da área. En concreto, financiáronse un total de 14 proxectos, que mobilizaron máis de 1,5 millóns de euros, xa que o orzamento podía completarse con achegas municipais, doutras administracións ou incluso de plans provinciais como o +Provincia.

Cambados recibiu 87.753,43 € para a substitución da cuberta do pavillón polideportivo do Pombal. Catoira obtivo 36.587,29 € para a construción de vestiarios e aseos do campo de fútbol as Lombas (unha actuación que tamén recibiu 62.696,68 € do plan +Provincia). No Grove investíronse 73.640,33 € para o acondicionamento do pavillón de deportes do Conmeniño (cunha inxección de 241.217,67 € do +Provincia). No caso da Illa de Arousa, o investimento de 44.393,38 € permitiu mellorar o alumeado no campo de fútbol de Testos (31.344,32 €) e adquirir mobiliario deportivo para o ximnasio municipal (13.049,06 €).

Meaño recibiu 46.424,90 € da Deputación para a mellora da piscina municipal de Dena. Meis empregou os fondos provinciais, 43.688,22 €, na adecuación dos vestiarios do campo de fútbol da Armenteira. Pola súa banda, Pontecesures recibiu 35.522,15 € para financiar a reforma dos vestiarios do pavillón polideportivo municipal. Ribadumia tivo unha inxección de 45.946,71 € para a renovación do céspede artificial do campo de fútbol da Bouza, en Barrantes. No caso de Valga, investíronse 48.703,25 € no acondicionamento da pista polideportiva interior do pavillón municipal de Baño.

Vilagarcía de Arousa obtivo un total de 206.131,84 euros no plan, destinado a tres fins: a reposición do céspede artificial no campo de fútbol de Berdón (176.336,02 €), a subministración e instalación dunha pantalla LED videomarcador do campo de fútbol da Lomba (21,955,01 €) e a subministración de 540 asentos para o pavillón de Fontecarmoa I (7.840,80 €). Por último, en Vilanova de Arousa o Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas deixou 70.834,48 € para o financiamento da renovación do céspede artificial do campo de fútbol das Chans, en Ponte Arnelas (complementada cunha achega de 156.148,91 € do plan +Provincia).

Na súa valoración global do Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas, o presidente Luis López sinalou que este é “a máxima expresión do que somos como goberno: a Deputación do municipalismo e do deporte”. O responsable provincial sinalou a súa grande acollida, xa que se financiaron un total de 75 proxectos dos 59 concellos da provincia de menos de 50.000 habitantes. “Este foi un dos primeiros plans que anunciamos como goberno, e reafirma o noso compromiso para mellorar e renovar as infraestruturas deportivas da provincia, que son auténticos templos para os hábitos de vida saudable, o lecer e o talento deportivo”, subliñou López.

Comparte este artigo